publicidade hoxe

A corresponsabilidade érguese como obxectivo clave para á igualdade entre homes e mulleres nun acto en Culleredo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredoLocal Portada
A-
A+

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na xornada formativa “Beneficios na xestión empresarial aplicando medidas da Igualdade” que a Mutua Galega organizou na súa sede do concello coruñés de Culleredo. No acto, López Abella destacou a corresponsabilidade entre homes e mulleres como un obxectivo imprescindible para unha participación igualitaria no mercado de traballo.

O termo corresponsabilidade fai referencia á responsabilidade compartida que deben afrontar dúas persoas que se atopan nunha situación da que ambos son partícipes. Neste sentido, a secretaria xeral apuntou que a corresponsabilidade configúrase como o contrapunto necesario para acadar a igualdade completa no mundo laboral, xa que mentres a muller continúe a desempeñar unha dobre ou tripla xornada fronte os homes non se poderá falar dunha igualdade real.

López Abella recordou que o Goberno galego, a través da Secretaría Xeral da Igualdade, convoca anualmente axudas e subvencións para programas de promoción da igualdade en entidades locais e para homes que reducen a súa xornada laboral para o coidado de fillas e fillos menores de tres anos, que pode servir de apoio para conseguir este obxectivo.

Durante a intervención da secretaria na xornada -que se centrou en tres grandes temas como son os plans de igualdade nas empresas, fomento da corresponsabilidade e no papel das mulleres nos consellos de administración-, López Abella sinalou o “incontestable” impacto positivo das medidas contempladas na lexislación sobre igualdade de xénero, como por exemplo a loita contra discriminación, as cotas de representación ou os plans de igualdade nas empresas, os cales recordou son de carácter obrigatorio ou voluntario en función do número de traballadores e traballadoras da entidade.

En canto as cotas de representación das mulleres nos consellos de administración, a secretaria apuntou que a comunidade galega é líder estatal en representación feminina nos consellos de empresas galegas, aínda que neste sentido segue sendo necesario traballar debido a desigualdade en canto á representación masculina.

Para finalizar a súa intervención, a titular da Igualdade da Xunta insistiu na necesidade de traballar tanto no desenvolvemento profesional das mulleres como no ámbito de xestión das empresas, onde é importante aumentar a visibilización das mulleres nos postos máis altos das organizacións.

3 de xullo de 2014 | 19:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.