publicidade hoxe

Destínanse 170.000 euros á mellora dos accesos ao polígono de Vilar do Colo, nos concellos de Fene e Cabanas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCabanasFeneLocal Portada
A-
A+
Belén do Campo na visita ao polígono de Vilar do Colo

Belén do Campo na visita ao polígono de Vilar do Colo

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou esta mañá o polígono industrial de Vilar do Colo, nos municipios de Fene e Cabanas, onde anunciou os traballos de mellora dos seus accesos. A actuación estará cofinanciada entre os dous concellos e a Consellería de Economía e Industria, que destinará unha achega de preto de 170.000 euros, que supón o 95% do investimento total.

Acompañada polos alcaldes de Fene, Gumersindo Galego, e de Cabanas, Germán Castrillón, do Campo explicou que esta axuda enmárcase no programa de apoios aos impulsado desde o departamento autonómico para a habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresariais. “A través desta liña que ven de resolver a consellería, impulsarase a súa actividade industrial, xerando postos de traballo e mellorando a competitividade do tecido empresarial”, apuntou.

En total, 21 concellos da provincia da Coruña beneficiaranse destas subvencións, que suman un investimento de 1,8 millóns de euros. En toda Galicia, o programa ten consignados 4,2 millóns de euros, “configurando un dos orzamentos máis importantes desde a súa posta en marcha”, destacou a máxima representante do Goberno galego na provincia.

As iniciativas obxecto de subvención abarcan eidos diversos, como o aforro e a eficiencia no gasto enerxético, a creación de novas plantas de depuración de augas, a xestión de residuos, as vías de acceso ou a instalación de sistemas de seguridade e vixilancia.

Así mesmo, a delegada territorial recordou que nesta edición primáronse as agrupacións de concellos, tal como sucedeu cos concellos de Fene e Cabanas. “Deste xeito colabórase coas administracións locais, primando unha xestión compartida que posibilita unha redución de gastos nas arcas municipais”, comentou do Campo. Así, aqueles concellos que presentaron o seu proxecto de xeito conxunto puideron optar a unha achega de ata 180.000 euros. Pola súa banda, os apoios para actuacións individuais alcanzan ata os 120.000 euros por proxecto.

Co fin de facilitar aos municipios a modernización dos seus parques empresariais, permítese o pago de anticipos de ata o 25% da axuda concedida. Faise así accesible a posta en marcha de actividades que incrementan a calidade destas infraestruturas.

30 de xuño de 2014 | 13:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.