publicidade hoxe

O premio de Viñetas para a Igualdade da Deputación da Coruña bate o seu récord de participantes con 162 traballos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Ata 162 traballos optan ao premio Viñetas para a Igualdade que convoca este ano a Deputación baixo o título de ‘Da igual? Igual non dá!’ para conmemorar o día da muller.

Isto supón o récord de participantes neste concurso, que cumpre agora a súa quinta edición e que está dotado con tres premios consistentes nun lote de cómics e unha tablet para os primeiros clasificados.

Á falta da apertura definitiva dos sobres, todo indica que tamén bateranse as cifras de participantes no certame Castelao de Banda Deseñada, xa que ata o momento chegaron á institución provincial un total de 13 paquetes que poden conter máis dun traballo cada un. Na última edición deste certame, convocado no ano 2012, presentáronse once traballos. Resultou gañador, cun premio en metálico de 6.500 euros, Francisco Bueno Capeáns.

Á décima edición do premio Antonio Fraguas de artesanía, co prazo de presentación de obras pechado desde o 31 de marzo, optan 60 persoas cun total de 216 obras presentadas tanto no apartado de artesanía tradicional como artesanía contemporánea. Este certame está dotado con 4.500 euros para o autor da peza gañadora en cada unha das categorías e a posibilidade de vender as súas obras á Deputación por un prezo tope de 15.000 euros.

Outro dos premios que convoca este ano a Deputación, o Miguel González Garcés, tamén pechou o seu prazo de presentación de obras o pasado día 16 de abril.

Por iso, agora mesmo pódense presentar traballos ou obras aos seguintes certames: a XXVI edición do premio Torrente Ballester de Narrativa, dotado con 25.000 euros e a edición da obra; a IX edición do premio Luis Ksado de fotografía, premiado con 6.500 euros e que vén de convocarse por última vez no ano 2012; o IX premio Jesús Núñez de Arte Gráfico; e o VI Concurso de Rock Deputación da Coruña.

Así, este ano a Deputación Provincial da Coruña convoca un total de sete premios culturais, ademais do Otero Pedrayo que organizan conxuntamente as catro institucións provinciais de Galicia coa Xunta de Galicia.  

Outros certames

Ademais dos culturais, convócanse o premio Concepción Arenal que recoñece a Acción Social de persoas ou entidades con tres premios de 7.000, 4.500 e 4.500 euros; ou o premio Rosalía de Castro de Normalización Lingüística.

No primeiro caso, trátase dun certame recuperado o ano pasado polo actual goberno da Deputación e que recaeu na figura de José Luis Muruzábal como presidente de APEM, en Aspanaes e no centro das Hermanas Hospitalarias Pai Menni de Betanzos.

En canto ao premio Rosalía de Castro, está dotado con 4.500 euros tamén desde o ano pasado, e busca recoñecer unha traxectoria ou unha actitude en defensa das tradicións e da lingua galega. O ano pasado o galardón recaeu nos Regueifeiros de Bergantiños.

En total, a Deputación repartirá este ano máis de 100.000 euros en premios.

22 de abril de 2014 | 11:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.