publicidade hoxe

Lugo acolle a presentación da preestrea do filme ‘A Tropa de Trapo na Selva do Arco da Vella’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocal PortadaLugoLugo
A-
A+
A Tropa de Trapo

A Tropa de Trapo

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou hoxe en Lugo na presentación da película de animación galega ‘A Tropa de Trapo na Selva do Arco da Vella’, que realizará a súa preestrea nesta cidade cunha proxección este domingo día 20 ás 18.00 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire como pase previo á súa estrea en cines o 30 de abril.

A longametraxe, producida por Abano Producións, Anera Films e Continental Animación, é a segunda parte das aventuras deste grupo de mascotas, resultado da adaptación da serie británica de animación para televisión dirixida ao público infantil ‘The Happets’. Despois do éxito obtido coa primeira entrega, ‘A Tropa de Trapo: o país onde sempre brilla o sol’, Álex Colls volve a dirixir este novo título, no que tamén repiten a escritora galega Lola Beccaría no guión e Mauricio Domene na composición musical.

En representación da Consellería, participou no acto o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil. Tamén estiveron o alcalde de Lugo, Xosé López Orozco; Chelo Loureiro, produtora de Abano; e parte dos nenos e nenas que integran o coro que pon música á fita e que realizan a dobraxe en galego das voces dos bonecos protagonistas. De feito, unha das particularidades da película é que os diálogos dos personaxes son interpretados por rapaces de entre 4 e 12 anos e non por adultos imitando voces infantís.

Subvención á produción

Jacobo Sutil destacou na súa intervención que o filme foi realizado, entre outros apoios, pola concesión en 2010 dunha subvención da Xunta de Galicia de máis de 350.000 euros, a través da convocatoria de axudas á produción e coproducións audiovisuais da Agadic. Expresou tamén que a nova película confirma o interese que existe en Galicia por este tipo de formatos, a calidade do subsector da animación galego e o acerto de Abano na tarefa de adaptación ao cinema de animación en 3D da serie orixinal televisiva.

“Son proxectos coma este —dixo— os que día a día van consolidando a presenza do audiovisual galego dentro e fóra das nosas fronteiras, mediante a posta a disposición do público de traballos de calidade, resultado da suma de talento e da creatividade que existe no noso país”. Neste sentido, anunciouse tamén que os dereitos de adaptación foron mercados xa por distintos países europeos e latinoamericanos, tales como Rusia, Brasil ou Arxentina (este último nas negociacións levadas a cabo durante a recente celebración en Santiago de Compostela de MicAtlántica, o Mercado das Industrias Culturais Atlánticas).

O director da Agadic expresou que no caso de ‘A Tropa de Trapo’ conflúen características “que nos fan sentir moi satisfeitos dos produtos que desde a Administración pública axudamos a levar adiante” e fundamentou esta argumentación “por tratarse dun filme dirixido aos nosos espectadores máis prezados: os nenos e nenas de máis curta idade, que poden recrearse cos valores universais que difunde (a amizade, a solidariedade, o respecto polo medio natural…) nunha aprendizaxe que os forma como persoas á vez que como espectadores de futuro”.

Cores moribundas

Nesta ocasión, ‘A Tropa’ decide decide axudar os pequenos animais con dificultades para sobrevivir e por isto viaxa ata a Selva do Arco da Vella. Alí, Mumu, Milo, Rita, Talalo, Alfred e Olga descobren toda a diversidade biolóxica en forma de novos personaxes, ademais dun arco da vella que respira fatigado e moribundo, xa que as súas cores, debido ao mal trato ao planeta, van esmorecendo. ‘A Tropa’ decátase deste xeito que todas as cores da Terra poden desaparecer para sempre e ponse mans á obra porque non pode permitir que isto suceda.

15 de abril de 2014 | 17:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.