publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Concentración en Foz na memoria da veciña falecida nun caso de violencia de xénero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFozLocal Portada
A-
A+

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, expresou hoxe a súa “repulsa máis rotunda” pola morte de María Elena Rodríguez Quiroga nun caso de violencia de xénero producido en Foz, onde hoxe participou na concentración de repulsa por esta morte.

Arias, que transmitiu o seu pésame á familia e amigos da falecida, lembrou a importancia da implicación da sociedade no seu conxunto para erradicar a violencia de xénero. Neste sentido alentou a que “sen reservas, se denuncien as mostras de maltrato”, porque ese tipo de avisos poden servir para previr e evitar problemas máis graves.

Non obstante, considerou que “son cada vez máis amplos os sectores da sociedade implicados activamente no obxectivo de eliminar esta lacra” e que se está formando “unha sociedade cada vez máis concienciada, que é o primeiro paso para avanzar con garantías neste proceso”.

Así mesmo, Arias apelou á unidade de todas as forzas políticas e de todas as Administracións Públicas “para que lideren unidas a loita contra esta lacra e articulen máis medidas punitivas” que permitan acabar con estes casos.

“Se nos axudamos e colaboramos no camiño, chegaremos antes á solución”, asegurou a delegada territorial trala concentración silenciosa que se desenvolveu na localidade focense.

26 de abril de 2014 | 12:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.