publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Vilar de Santos pide a Consumo unha mostraxe da facturación eléctrica efectuada aos particulares e empresas do municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilar de Santos
A-
A+

O Concello de Vilar de Santos segue adiante e dando pasos no proceso de reclamación contra Gas Natural para a devolución de 58.202,57 euros por enerxía reactiva, unha vez comprobada a facturación indebida durante os cinco últimos anos.

O concello puxo en marcha novas accións e medidas co Servizo de Consumo, coa propia empresa Gas Natural e coa Comisión Nacional de Enerxía, medidas que terán continuidade.

Hai que lembrar que con data de 11 de marzo recibimos escrito do Servizo de Consumo no que inicia procedemento de Expediente Sancionador contra Gas Natural a instancia do Concello de Vilar de Santos, feito que consideramos de suma importancia e consecuencias xa que deberá resolver todas as cuestións planteadas polo Concello e tamén as derivadas do mesmo.

A tal fin,  xa solicitamos do Servizo de Consumo os trámites e o plan detallado despois do inicio do Expediente Sancionador. Tamén solicitamos de Consumo que requira a Gas Natural para que a compañía efectivice a data real da suspensión da facturación de reactiva en cada un dos contratos vixentes co concello de Vilar de Santos e que ordene a Gas Natural, o recoñecemento e devolución do importe da débeda de 58.202,57 euros a favor do concello indicando o procedemento e prazo de devolución.

Finalmente solicitamos de Consumo que dea traslado ao Conselleiro de Economía e Industria do noso expediente, a fin de que a Consellería se posicione expresamente, tanto sobre a nosa reclamación coma sobre a posición de Gas Natural e actúe en consecuencia e que, sen agardar reclamacións ao respecto, se realice unha mostraxe da facturación efectuada nos últimos cinco anos aos particulares e empresas de Vilar de Santos a fin de comprobar que se lle está facturando correctamente para evitar unha situación coma a que está a suceder coa subministración dos servizos municipais.

Mediante comunicación escrita tamén demandamos o pronunciamento inmediato da Comisión Nacional de Enerxía-  CNE como ente regulador dos sistemas enerxéticos, para saber cal é a súa opinión sobre a facturación de enerxía reactiva por parte de Gas Natural e a súa disposición a devolver só un ano. De aí que tamén lle solicitamos o informe e en que preceptos legais fundamenta esta posición.

Reiteramos unha vez mais o noso reproche á Xunta de Galicia e á FEGAMP pola súa pasividade diante desta situación e que actúen dunha vez e que defendan os intereses dos concellos.

“A importancia e trascendencia da reclamación feita polo concello de Vilar de Santos queda corroborada polas numerosas consultas e reclamacións presentadas por concellos da provincia de Ourense e do resto de Galicia sobre a facturación indebida por parte das empresas eléctricas, nunha práctica que se está a demostrar xeneralizada. Nós imos seguir dando pasos que reflicten o noso compromiso coa información pública e un programa de traballo na actuación e coordinación dos servizos municipais ao servizo dos veciños nesta cuestión. Vilar de Santos vai realizar unha mostraxe propia e revisar a facturación de veciños ou empresas para constatar se Gas Natural e outras empresas eléctricas facturaron correctamente e por outro lado xa estamos procedendo á revisión de toda a facturación feita por Gas Natural Fenosa  ao Concello desde o ano 2002. Por último dicir e manifestar unha vez máis que o Concello de Vilar de Santos reservase o dereito nas actuacións a levar a cabo diante de Gas Natural Fenosa na defensa do ben común e do interese xeral de todos os veciños e veciñas de Vilar de Santos para denunciar unha situación abusiva e inxusta que non imos permitir ”, di o alcalde, o nacionalista Xan Jardón.

28 de marzo de 2014 | 13:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.