publicidade hoxe

Culleredo impulsará un protocolo de coordinación entre forzas de seguridade ante adiccións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredo
A-
A+
Xornada de mediación

Xornada de mediación

O goberno de Culleredo subirá un chanzo máis na súa actuación preventiva ante as condutas adictivas. O Concello buscará aproveitar o traballo das forzas de seguridade do municipio para impulsar a intervención de servizos sociais con aqueles veciños que o necesitan.

O Concello ten o obxectivo de crear un protocolo de coordinación entre as forzas de seguridade e a área municipal de servizos sociais para poder loitar contra este tipo de condutas. Hoxe en día a asistencia municipal ante casos de adiccións de todo tipo, desde por motivo de drogas até as tecnolóxicas, pasa porque os usuarios acudan ao departamento municipal, onde radica a principal dificultade.

Co contacto diario das forzas de seguridade coa cidadanía, estas son capaces de detectar casos de adiccións que requiren unha atención. Cunha coordinación establecida, os efectivos poderán exercer de mediadores e favorecer que eses veciños cheguen ao circuíto de servizos sociais.

O primeiro paso desta implicación de forzas de seguridade no Plan Municipal contra Condutas Adictivas ten lugar hoxe e mañá coa formación específica que o Concello imparte para os efectivos de seguridade, co obxecto de dotalos de coñecementos teóricos e prácticos que incrementen as súas potencialidades en materia de prevención.

O alcalde de Culleredo, Xullo Sancristán, inaugurou a xornada, que contou coa participación de policías locais e gardas civís do municipio. A formación corre a cargo de técnicos de Servizos Sociais do Concello, traballadores sociais e psicólogos de ACLAD, o subdirector do Centro de Menores Concepción Arenal da Coruña, e a avogada da asociación Antonio Noite da Coruña.

Sancristán, que estivo acompañado na inauguración pola concelleira de Sanidade, Penélope López, destacou que o Plan Municipal contra as Condutas Adictivas “non é unha acción illada” senón que se enmarca nunha “estratexia para impulsar actuacións de prevención en materia sanitaria”, dentro das competencias do Concello.

Coa implicación dos axentes búscase lograr unha “maior eficacia” con sectores de poboación como menores, persoas en situación de consumo activo ou persoas con enfermidades mentais.

Nas xornadas, facilitaráselles ás efectivos ferramentas e estratexias precisas para poder abordar diferentes situacións ás que se poidan enfrontar no seu traballo no municipio. Ademais, serven como punto para o intercambio de experiencias entre as forzas de seguridade.

12 de marzo de 2014 | 12:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.