publicidade hoxe

Finalizan as obras de aforro enerxético levadas a cabo no Concello de Cuntis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCuntisPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita a Cuntis

Cores Tourís na visita a Cuntis

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Cuntis para supervisar o remate das obras de aforro enerxético realizadas neste municipio e que supuxeron a instalación de novas luminarias en diversos puntos do concello.

Esta obra supuxo un investimento de 60.000 euros, dos que o 85% (51.000 euros) foron subvencionados a través da Consellería de Economía e Industria.

Na visita estivo acompañado polo alcalde da localidade, Antonio Pena, así como polo xefe territorial de Economía e Industria en Pontevedra, Ignacio Rial.

No caso concreto de Cuntis, actuouse en 151 puntos de luz na circunvalación desta vila así como en Porto de Gómez, coa substitución das lámpadas por novas luminarias led, cun sistema de aforro para baixar o consumo a partir dunha hora e tamén coa reforma do cadro de mando.

O aforro enerxético, segundo apuntou o alcalde da localidade será moi importante. “Deste xeito, conseguiremos aforrar, tal e como nos aseguran os técnicos, 57.292 kWh por ano, o que suporá cerca de 8.700 euros das arcas municipais”, explicou Pena.

Cuntis acolleuse a orde de subvencións a proxectos de aforro e eficiencia enerxética publicada o ano pasado pola Consellería de Economía e Industria a través do INEGA.

O alcalde de Cuntis trasladoulle ao delegado territorial a súa intención de volver a presentarse a nova convocatoria de axudas para este fin agrupado cos concellos de Moraña, Cerdedo, Cotobade e Campolameiro.

Segundo lle recordou Cores Tourís, a nova orde do INEGA estará de novo destinada a proxectos de renovación de instalación de iluminación pública exterior e contará cun orzamento global para o 2013 de case 3 millóns euros para toda Galicia. O prazo de solicitudes remata a finais deste mes.

O delegado territorial rematou insistindo no feito de que “coa execución destes proxectos obtense un importante aforro enerxético e económico, de ata un 50% na factura eléctrica das instalacións substituídas. Así se contribúe á mellora da situación financeira das administracións locais. Ademais acadaranse importantes vantaxes ambientais, como a redución das emisións de CO2 ou a diminución da contaminación lumínica que sofren os concellos”.

13 de febreiro de 2014 | 16:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.