publicidade hoxe

Diversas actuacións de recuperación medioambiental en Camariñas serán financiadas cunha achega de 100.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCamariñasLocal Portada
A-
A+
Belén do Campo na sinatura da acta de traballo co rexedor de Camariñas

Belén do Campo na sinatura da acta de traballo co rexedor de Camariñas

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o alcalde de Camariñas, Valeriano Alonso, asinaron esta mañá o documento de conformidade para a concesión da subvención destinada á execución de diversos traballos de recuperación medioambiental e mellora do entorno. O Goberno galego, a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, financiou integramente estas actuacións cunha achega de 99.747 euros correspondente ao Fondo de Compensación Ambiental, que permite aos concellos beneficiarse do canon eólico.

Nun encontro de traballo co rexedor, a máxima representante do Executivo autonómico na provincia analizou o resultado das actuacións levadas a cabo con estes fondos, que consistiron fundamentalmente na renovación do alumeado público da vila para incrementar a eficiencia enerxética e reducir o seu custe. Así, reduciuse a potencia das lámpadas e cambiáronse os interruptores crepusculares por reloxos astrolóxicos.

Ademais, a achega serviu para a adquisición de novos elementos para mellorar as labores de limpeza viaria e a recollida de residuos sólidos urbanos. Do total da axuda, 29.320 euros destináronse á compra dun aspirador para a limpeza de superficies exteriores, cinco máquinas desbrozadoras, 31 contedores de envases lixeiros, 20 papeleiras para praias e xardíns e pezas de reposto para estes elementos.

Nove municipios das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra beneficiados
Do Campo recordou que este é o cuarto ano consecutivo no que nove concellos das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra (A Laracha, Cabana de Bergantiños, Coristanco, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Camariñas, Vimianzo, Zas e Dumbría) optan ás subvencións en réxime de concorrencia non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental, ao atoparse o seu territorio municipal dentro dunha poligonal de delimitación dun parque eólico ou estar afectados pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación. Estes municipios suman un total de 445,5 aeroxeradores dentro dos seus límites, mentres que oito deles dispoñen de máis de 83.000 metros de liñas de conexión, polos que recibirán 771.245 euros.

As axudas concedidas polo Goberno autonómico están destinadas a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial. Precisamente, Do Campo destacou que este é o segundo ano que a Xunta autoriza aos concellos beneficiarios a dispoñer do fondo para facer fronte ao gasto corrente, algo que afecta moito aos municipios. Ademais, como novidade para este exercicio, o Fondo de Compensación Ambiental pode tamén empregarse en gastos de contratación ou mantemento de persoal.Segundo subliñou a delegada territorial, o fondo reflicte un triplo compromiso da Xunta de Galicia, pois, explicou, “resulta unha clara mostra da implicación do Goberno galego cos concellos e co medio ambiente, pero tamén da aposta polo reequilibrio territorial”. “A distribución do canon eólico, en definitiva, beneficia sobre todo a municipios pequenos e do interior e suponlles, ano tras ano, unha importante fonte de ingresos nestes momentos de dificultades económicas”, concluíu.

11 de febreiro de 2014 | 10:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.