publicidade hoxe

O Concello de Ourense rehabilita un edificio na Praza da Imprenta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O alcalde de Ourense, Agustín Fernández, visitou esta mañá as novas dependencias da Concellería de Economía e Facenda, que próximamente entrarán en servizo, no edificio sito na Praza da Imprenta número 2. O inmoble, rehabilitado polo Concello, acollerá e unificará oficinas administrativas e de atención ao público desta área municipal que na actualidade se atopan ubicadas en diferentes inmobles (Praza Maior, rúa Bispo Carrascosa e rúa Hernán Cortés) para unha maior comodidade e servicio aos usuarios, ó tempo que dotar das mellores instalacións para o funcionamento desta área  municipal, contribuíndo á rehabilitación e dinamización social da zona sur do Casco Vello.

A intervención consistiu na rehabilitación do inmoble, composto por baixo, tres plantas e aproveitamento baixo cuberta, cunha superficie de 219,52 metros cadrados, en forma de L, con fachadas cara á Praza da Imprenta e á rúa Colón.

O proxecto redactouse de acordo co establecido no Plan Especial de Reforma Interior do Casco Vello, que outorga protección a este edificio, do que a última ampliación foi proxectada por Daniel Vázquez Gulías no ano 1917. Ata a súa adquisición por parte do Concello estaba dedicado a vivenda, con dous baixos comerciais en planta baixa.

A reforma do edificio intenta respectar a súa configuración e potenciar os elementos máis característicos. Consérvase a fachada, mantense a escaleira existente, dótase ao vestíbulo dunha presencia maior, máis luminosidade e amplitude e acondiciónanse os espazos administrativos e de atención ó público para acadar as mellores condicións de funcionamento deste servizo municipal.

Oficina de atención ao contribuínte, na planta baixa

A planta baixa conta con dúas entradas: dende a rúa Colón, cara á zona de atención ao público, e dende a propia Praza da Imprenta, que dá acceso ao resto de oficinas. Nas primeiras plantas sitúanse aquelas que atenden directamente a un maior número de cidadáns, distribuíndo as restantes plantas co criterio de integración dos distintos servizos.

Así, concretamente, na planta baixa estarán as oficinas de atención ao contribuínte, na planta primeira o Servizo de Recadación (actualmente en Hernán Cortés, 2), e nas plantas segunda, terceira e baixo cuberta o de Facenda (actualmente na Casa do Concello), IBI, Notificacións, Inspección de Rendas, Plusvalías, Órgano de Xestión Tributaria e Tribunal Económico Administrativo, salas de xuntas e outros espazos administrativos.

Primeira fase a cargo dunha escola obradoiro e segunda por unha empresa

As obras de rehabilitación comezaron funha primeira fase que desenvolveu unha escola obradoiro que proporcionou formación a un total de 50 alumnos (20 de albanelaría, 10 de carpinteiría, 10 de canteiría e 10 de forxa), que desenvolveron os traballos dende o 1/12/08 ata o 31/5/10. A escola taller, cofinanciada por Concello e Xunta, tivo un orzamento de 992.000 euros.

Unha vez rematada a primeira fase, o Concello adxudicou á empresa Gamallo a segunda fase das obras de rehabilitación, que supuxeron un investimento de 475.000 euros. Finalmente, o Concello licitou e adxudicou o subministro do mobiliario do novo inmoble, por importe de 50.000 euros.

Supresión de gastos de alugueiro

A entrada en servizo destas novas instalacións liberarán ao Concello dos gastos de alugueiro das actuais oficinas de Recadación, na rúa Hernán Cortés, 3 e da Oficina de Compras, na rúa Cervantes (esta última se trasladará ao espazo que quedará libre no edificio da Cárcere da Coroa, en rúa Bispo Carrascosa).

Tamén permiten reubicar neste inmoble as dependencias do Servizo de Facenda (Casa do Concello), IBI, Notificacións, Inspección de Rendas, Plusvalías, Órgano de Xestión Tributaria, (Bispo Carrascosa). O Servizo de Intervención e Tesourería continuarán nas actuais dependencias na rúa Barreira (Cárcera da Coroa).

Nos próximos días comezará o traslado destes servizos ás súas novas dependencias,  que se completará durante as vindeiras semanas.

14 de xaneiro de 2014 | 12:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.