publicidade hoxe

O CIM de Ortigueira acolle a mostra” Cartas de amor” para erradicar a violencia de xénero na xuventude

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrtigueira
A-
A+

A exposición itinerante Cartas de Amor, impulsada pola Secretaría Xeral de Igualdade, recala a próxima semana en Ortigueira. O Centro de Información á Muller, dependente da Concellaría de Benestar Social, programará no instituto local esta mostra de cómic galego, concibida para sensibilizar á poboación máis nova sobre a existencia de violencia nas súas formas de relacionarse, axudar a detectala e, por tanto, a eliminala.

En Cartas de Amor faise un paralelismo entre o mundo romántico das primeiras relacións de parella e a crueldade que, ás veces, se asocia a elas, tendo en conta que, nos últimos anos, detéctanse moitos casos de relacións de parellas entre adolescentes cunha forte carga de violencia verbal e mesmo física.

A proposta, que permanecerá na vila do 4 ao 11 de febreiro, enmárcase no obxectivo, recollido dentro do III Plan municipal de Igualdade de Oportunidades, de recente aprobación, de fomentar no IES de Ortigueira actividades para identificar nas parellas de xóvenes este tipo de condutas relacionadas coa violencia de xénero.

Na exposición, debuxantes galegos e nacionais plasman nunha imaxe situacións ou momentos que consideran como violentos entre adolescentes. En definitiva, propoñen unha reflexión persoal  sobre o que as cartas de amor non deben ser, poñendo de manifesto a necesidade de cambiar esas actitudes por outras nas que prime o respecto á parella.

Integran a colección traballos de dous premios nacionais de ilustración, Miguel Calatayud, e de cómic, Paco Roca, no ano 2009; así como figuras galegas, como Patricia Castelao, Pirusca, David Pintor e Óscar Villán; ademais de autores/as que están a conseguir predicamento entre os máis novos (Eva Vázquez, Javier Oliveirais, Primitivo, Sonia Puído, Jack Mircala ou Sergi San Julián).

28 de xaneiro de 2014 | 19:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.