publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O alcalde de Muíños afirma que o lume do Xurés foi “provocado seguro” e queimou piñeiros e carballos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMuíños
A-
A+
E.P.

O incendio forestal declarado este martes no Parque Natural Baixa Limia Serra do Xurés adquiriu grandes dimensións -xa arderon unhas 200 hectáreas- debido ao forte vento que rexistra a bisbarra, que arrancou o tellado das bancadas do campo de fútbol e parte do polideportivo.

O lume, que queimou piñeiros e carballos ademais de monte raso, foi “provocado seguro” debido ao punto no que se iniciou, segundo o alcalde de Muíños (Ourense), o popular Plácido Álvarez.

En declaracións a Europa Press, o rexedor deste municipio descarta perigo para as persoas, aínda que si constata que houbo “nerviosismo” pola noite. Agora, confía en que as lapas poidan “ser “controladas en pouco tempo”, posto que “parece que vai mellorando” a situación e os refachos de vento afrouxaron “un pouco”.

Ademais, Plácido Álvarez cuestiona a “escaseza de medios” por parte da Xunta de Galicia, algo que, ao mesmo tempo, comprende pola época do ano, pero afirma que “se botaron de menos”. “Todo unido, o refacho e a falta de medios, influíu en que o incendio sexa dunhas condicións máis importantes do que debería ser”, subliña.

O incendio empezou sobre as 19.00 horas do martes nas proximidades de Prado e Alvite e “ardeu unha boa parte do parque natural”, lamenta o alcalde.

“Somos contrastados defensores da natureza, que é nosa riqueza, e estabamos todos contentos porque nesta tempada de incendios o noso concello foi un dos que menos incendios tivo… e veunos a sorprender agora un destas condicións, que foi máis importante do que debería ser polo vento,”, incide.

Cara á madrugada, apunta o rexedor, o lume cruzou o río Salas e nestes momentos atópase na marxe dereita deste, no ámbito dos núcleos de Pazó e Parada de Ventosa. “Espero que aí o poidamos controlar”, sinala. “Os veciños din que, pola zona onde empezou, non hai máis razón que que fose provocado. Quen fose, ou tiña frío ou tiña ganas de facer dano”, critica.

11 de decembro de 2013 | 12:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.