publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

José Ángel Boquete relevará como concelleiro socialista en Trazo a Eugenio Pazos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaTrazo
A-
A+

O pleno municipal de Trazo celebrado esta mañá tomou coñecemento da renuncia á súa acta de concelleiro do socialista Eugenio Pazos Beiroa, quen  tomou esta decisión por motivos laborais ante a imposibilidade de compatibilizar o seu traballo coas súas responsabilidades como concelleiro. Eugenio Pazos será relevado por José Ángel Boquete Regueiro, veciño de Campo, que tomará posesión do seu cargo na próxima sesión plenaria. Beatriz Domínguez, secretaria xeral dos socialistas de Trazo, agradeceu e destacou o traballo realizado por Eugenio Pazos ao longo destes últimos anos.

Por outra banda, a sesión plenaria de hoxe serviu para aprobar o Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de competencia municipal (POS 214), que no caso de Trazo ascende a 222.000 euros. Os socialistas votaron a favor da proposta, aínda que lamentaron que non se tiveran en conta ningunha das propostas realizadas polo grupo municipal socialista “como o arranxo dos centros sociais das parroquias, que se atopan nun estado avanzado de deterioro, ou un plan de sinalización integral no concello de Trazo que substitúa á deficiente sinalización actual”, explicou Beatriz Domínguez.

Pequenas obras

A secretaria xeral dos socialistas de Trazo indicou que “os socialistas sempre votaremos a favor de que se fagan obras que melloren a calidade de vida dos veciños de Trazo, pero pensamos que nesta ocasión as obras escollidas polo PP non son as máis idóneas, xa que son pequenos parches en todas as parroquias que non solucionarán apenas nada, polo que en menos dun ano volveremos a ter as estradas municipais nun estado lamentable”.

Así, a relación de obras seleccionadas polo PP inclúe actuacións en todas as parroquias, pero limítase a actuacións de limpeza de cunetas, bacheo e pequenos asfaltados de menos de 500 metros. “Nós solicitamos que se fixeran menos actuacións, pero que fosen obras que quedaran ben feitas e durase. Pensamos que con estes pequenos parches non imos solucionar nada xa que en pouco tempo as estradas de Trazo volverán a estar destrozadas”, explica Beatriz Domínguez. Os socialistas tamén criticaron a reserva do 25% do POS 2014 a gasto corrente, sobre todo cando o alcalde alardea na prensa de que o Concello de Trazo ten déficit cero.

27 de decembro de 2013 | 16:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.