publicidade hoxe

As Pontes ofrece música, teatro, cine e convocatorias para pequenos e grandes no programa de Nadal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs Pontes
A-
A+

O departamento de Cultura do Concello de As Pontes inaugurá esta mesma tarde a programación para este Nadal, un listado de actividades nos que principalmente os máis pequenos da casa serán os reis e raíñas da maioría das iniciativas deseñadas pola concellería que dirixe Sara Ramos.

As Pontes contará cun amplo e moi variado programa de actividades no que haberá monicreques, concertos, exhibicións deportivas, teatro, cine, hinchables e, por suposto, a tradicional visita dos Reis Magos de Oriente. Todo un abano de posibilidades lúdicas que farán que o “ o noso municipio non teña nada que envexar á programación cultural doutros concellos da contorna ”, tal e como apuntou a edil Sara Ramos.

Precisamente, hoxe, ás 17.00 horas terá lugar a primeira das actividades para os máis pequenos: a decoración da sala de lectura infantil da biblioteca Enrique Rivera Rouco, á que seguirá, o domingo o primeiro dos múltiples concertos que ateigarán o Nadal pontés.

Así, ás 13.00 horas, na Casa Dopeso, as Cantareiras de Alende, a Agrupación Coral Endesa – As Pontes e a Coral Eixil (Cedeira) ofrecerán un concerto de panxoliñas que será de entrada totalmente libre.

A programación da vindeira semana virá ateigada tamén de música e é que para o día 18 celebrarase o tradicional Concerto de Nadal dos alumnos da Escola Municipal de Acordeón, unha cita que terá como escenario o Fogar da Terceira Idade (Avd. De Ferrol), con entrada gratuíta, e que arrincará ás 19.00 horas.

Xa un día despois, o 19 de decembro, e no Auditorio Municipal Alovi, a Banda do Conservatorio de As Pontes e alumnos de linguaxe musical ofrecerán un concerto dende as 19.00 horas. para esa mesma tarde, pero ás 18.00 horas e no polideportivo municipal da Fraga, o clube Rítmica As Pontes e as alumnas da Escola Deportiva Municipal de Ximnasia Rítmica protagonizarán o seu tradicional Festival de Nadal, no que ao ritmo das panxoliñas máis coñecidas estas ximnástas darán conta aos presentes dunhas elaboradas coreografías con mazas, pelotas, cintas e aros.

A Rondalla Vila de As Pontes tamén se sumará a estas festas cun concerto, o 20 de decembro, no que contarán coa compaña dos alumnos do Conservatorio de Música de As Pontes ( 20.00 horas – Casa Dopeso).

O seu relevo será para a cantautora galega Sés que, o día 21, no Auditorio Municipal Alovi (20.00 horas) ofrecerá un concerto no que presentará as súas últimas composicións.

Pechará a programación da vindeira semana o teatro da compañía Caramuxo que traerá ata As Pontes a súa montaxe Ñán, dirixida a bebés (13.30 e 18.30 horas – Auditorio Municipal Alovi).

O grupo Mamá Cabrá será o encargado de inaugurar a semana de Nadal cun concerto o día 23, no auditorio municipal Alovi, dende as 18.00 horas e xa, tralo 25 de decembro, arrincará a programación cinematográfica no que, dende a concellería que dirixe Sara Ramos, se optou por unha oferta dirixida a públicos de todas as idades.

Así para o 26 de decembro proxectarase El llanero solitario ( 20.30 horas – Auditorio Municipal Alovi), namentras que para o 30 de decembro está programado o filme de animación Monstruos University (18.00 horas – Auditorio Municipal Alovi) e tamén a última producción de Luc Besson: Malavita ( 20.30 horas – Auditorio Municipal Alovi).

Xa en xaneiro, os días 2 e 3, proxectaranse os filmes Thor, o mundo escuro e Lobezno, Inmortal (20.30 horas – Auditorio Municipal Alovi).

Unha das principais novidades da programación de Nadal 2013 virá protagonizada polo grupo Broken Peach que o 28 de decembro (20.00 horas – Auditorio Municipal Alovi) ofrecerá un concerto de Nadal no que as panxoliñas máis populares serán o eixo dun espectáculo que será todo un éxito de público.

A este concerto sumarase a actuación a Escola Municipal de Baile Moderno en Narón (27 de decembro – Pazo da Cultura de Narón) que representará o musical Cine.

Por suposto non faltará a III edición da San Silvestre Pontesa, con probas de velocidade para todas as idades, unha andaina popular e unha carreira absoluta de 5 quilómetros polas rúas do casco urbano.

Para comezar o ano con bo pé, o 2 de xaneiro, no polideportivo municipal da Fraga instalaranse diferentes hinchables gratuítos para nenos e nenas de todas as idades, dende as 16.00 horas.

Unha das apostas máis fortes da concellería de Cultura para este Nadal será o teatro infantil xa que, ademáis de Caramuxo, tamén visitará As Pontes a compañía Títeres Trompicallo. Así, o 3 de xaneiro terán dobre sesión coas representacións de O Día que Chegou unha nube e Choveu, na Escola Infantil A Barosa ás 11.00 horas, e xa á tarde ás 18.00 horas e na Casa Dopeso, coa obra Osiño, dirixida a todos os públicos.

Non podía faltar a visita dos Reis Magos a As Pontes, o 5 de xaneiro ás 17.30 horas, e que contará cun percorrido polas rúas máis céntricas do casco urbano con punto e final no Salón de Plenos da Casa Consistorial, onde as súas Maxestades de Oriente recibirán aos nenos e nenas pontesas.

13 de decembro de 2013 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.