publicidade hoxe

As obras realizadas nas rúas vilalbesas supuxeron un investimento de 120.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVilalba
A-
A+
Conde na vista a Vilalba

Conde na vista a Vilalba

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe na localidade luguesa de Vilalba as melloras realizadas nas rúas Foz e Basanta Silva, que supoñen un investimento de preto de 120.000 euros e que, tal e como salientou o conselleiro, darán un importante impulso ao comercio de proximidade vilalbés, facendo máis atractiva unha das principais arterias comerciais da vila.

Conde destacou a importancia do comercio na economía de localidades como Vilalba, recoñecida polas súas feiras e mercados, e citas como a Feira do Queixo de San Simón ou a do capón. Remarcou o conselleiro que, “pola súa calidade e proximidade, o pequeno comercio é un patrimonio que entre todos debemos impulsar e apoiar, e un importante motor de emprego”, lembrando que desde o 2009 a Consellería leva destinado preto dun millón de euros á mellora competitiva do comercio da localidade, cun importante acento na renovación de equipamentos comerciais.

O conselleiro sinalou que en total, a través dos diferentes programas postos en marcha pola Consellería de Economía e Industria para estimular a actividade empresarial, se levan mobilizado nos últimos anos máis de 15 millóns de euros en Vilalba, remarcando o importante esforzo investidor dos propios empresarios.

O conselleiro, que estivo acompañado pola delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e o alcalde de Vilalba, Gerardo Criado, salientou a importancia da cooperación cos concellos como administración máis próxima ao cidadán, resaltando que froito desta colaboración, a Consellería está a impulsar este ano investimentos por preto de 300.000 euros para mellorar a competitividade empresarial e comercial de Vilalba.

Así, ademais das axudas para a mellora das rúas Foz e Basanta Silva, o Concello de Vilalba recibiu tamén apoios para o parque empresarial, coa instalación de placas fotovoltaicas e dunha liña de tratamento de augas residuais na depuradora.

26 de decembro de 2013 | 18:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.