publicidade hoxe

As obras de soterramento das liñas eléctricas da rúa Solís Ruiz, en Crecente, tivo un custo de 32.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCrecentePontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita ás obras na rúa Solís

Cores Tourís na visita ás obras na rúa Solís

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou o concello de Crecente para comprobar as obras de soterramento das liñas situadas no entorno da casa consistorial que se están a executar nestes intres. Na visita estivo acompañado polo alcalde da localidade, Julio César García-Luengo, así como polo xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial.

En concreto, os traballos centráronse no soterramento das liñas elécricas na rúa Solís Ruíz, no entorno da casa do concello. “En total, investíronse nestes traballos de 32.000 euros, dos que o 80% dos mesmos foron sufragados pola Consellería de Economía e Industria a través dunha liña de axudas para soterramento de liñas eléctricas para concellos”, explicou Cores Tourís. Está previsto que as obras rematen nas próximas semanas.

“Dende a Consellería de Economía e Industria apóiase activamente este tipo de actuacións co obxectivo de adecuar e mellorar as infraestruturas eléctricas”, explicou Cores Tourís. “Apoiamos así as corporacións locais para que poidan acometer este tipo de proxectos, os cales, sen este apoio por parte da administración autonómica no poderían levarse a cabo debido a situación económica actual”, engadiu.

O delegado territorial destacou a liña de axudas para a mellora do subministro eléctrico dos concellos contou en 2013 cun orzamento de 1,5 millóns de euros e ten como obxectivo apoiar aos municipios para a acometida de proxectos de soterramento das súas infraestruturas eléctricas.

A convocatoria preveía apoios de ata o 80% do investimento a realizar, establecendo a contía máxima da axuda por solicitude en 100.000 euros. Deste xeito, impulsáronse infraestruturas de soterramento, tanto en obra eléctrica como en obra civil en diversos concellos da provincia. Isto permitiu traballar en pro da eliminación do impacto paisaxístico que xeran estas liñas, mellorando ademais as súas características técnicas, o que, en última instancia, suporá un incremento na calidade da subministración eléctrica.

“Estas obras reportan ademais importantes beneficios sociais que contribúen ao desenvolvemento dos concellos galegos”, finalizou o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.

CEIP Manuel Sieiro

O delegado territorial aproveitou a súa presencia en Crecente para comprobar os danos causados nas últimas horas pola sobrecarga na caixa de derivación das liñas eléctricas no CEIP Manuel Sieiro.

Segundo informaron os responsables do centro a Cores Tourís, a sobrecarga produciu un pequeno fogo que deixou inutilizada a caixa do contador pero que puido ser sofocado rapidamente.

Ante esta situación desprazáronse tamén esta mañá ata o centro responsables da Unidade Técnica da Xefatura Territorial de Cultura e Educación para analizar as causas do sinistro e avaliar unha solución.

O delegado territorial informou ao centro educativo e ao alcalde de Crecente que, tal e como lle trasladaron os técnicos de Educación, vaise a poñer en marcha unha obra de emerxencia para reconstruír a caixa de derivación e evitar así futuros problemas coas liñas eléctricas no colexio desta localidade.

21 de novembro de 2013 | 19:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.