publicidade hoxe

As obras de abastecemento de tres núcleos do Concello do Irixo son licitadas por máis de 300.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO IrixoOurense
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica a licitación das obras para a mellora do abastecemento de auga en tres núcleos deste municipio ourensá: O Irixo de Enriba, Vila e Ponte Irixo. As empresas interesadas en presentar a súa oferta a este contrato de obra pública poderá facelo, polo procedemento habitual, ata o 12 de decembro. Coa licitación, a previsión da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas é adxudicala no primeiro trimestre do vindeiro ano.

Trátase dunha actuación que se executará en base a un acordo de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través de Augas de Galicia, e o Concello do Irixo. Deste xeito, o departamento que dirixe Agustín Hernández subvencionará o 100 por cento do importe das obras, que se eleva a máis de 300.000 euros.

Dende a Consellería de Medio Ambiente destácase a necesidade desta actuación xa que a rede de abastecemento actual conta con máis de 40 anos de uso e presenta serias deficiencias, provocadas pola deterioración ocasionada polo paso do tempo. Tamén se observan importantes filtracións na captación, frecuentes roturas e acumulacións de aire na condución, e o depósito existente foi construído polos propios veciños hai máis de catro décadas, polo que está obsoleto e presenta importantes fugas.

O proxecto para a execución da obra de abastecemento de auga define e valora as actuacións necesarias para aumentar a eficiencia do servizo mediante a mellora da captación, da rede e a construción dun novo depósito. Acondicionarase a represa cun novo muro de material xeotéxtil e grava, e instalarase un novo pozo de rexistro con ventosa. As tubaxes necesarias para esta actuación medirán case dous quilómetros. Este proxecto de mellora do abastecemento tamén implicará a construción dun depósito semienterrado de 200 m3.

Con esta obra garantirase a subministración de auga en calidade e cantidade aos veciños dos núcleos do Irixo de Enriba, Vila e Ponte Irixo, ao tempo que se eliminan os problemas de fugas coa renovación da rede, un novo depósito e unha nova captación.

15 de novembro de 2013 | 18:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.