publicidade hoxe

O pregón de apertura das Festas do Carme das Pontes homenaxea ao sector da Sanidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs PontesLocal
A-
A+
Instante do pregón

Instante do pregón

Varios representantes do sector sanitario foron os encargados, esta tarde, de protagonizar o acto oficial de inicio das Festas do Carme e A Fraga 2013. E é que, neste ano, o Concello de As Pontes xunto coa comisión de festas decidiron render homenaxe ao mundo da sanidade cun pregón no que tomaron parte varios dos médicos e enfermeiras que prestan servizo no municipio pontés.

Deste xeito, a Comisión de Festas mantendo a liña de anos anteriores de homenaxear a distintos colectivos do municipio, apostaba por, neste 2013, agradecer a profesionalidade, a cercanía cos seus pacientes, a adicación, o sacrificio e a abnegación do sector sanitario.

Nesta mesma liña se expresaba o alcalde de As Pontes. Valentín González Formoso apuntaba a necesidade de render homenaxe a un sector caracterizado pola súa vocación e adicación absoluta e tamén ampliaba o recoñecemento de hoxe a doutores da vila que xa non están entre nos, coma o Dr. Dopeso, Don Luis Baamonde ou Pedro Sanjurjo, profesionais que eran algo máis que un médico de cabeceira e que tamén exercían de psicológos e conselleiros e con moitos menos medios cos que se conta na actualidade.

Posteriormente, subían ao escenario a doutora Pilar Baamonde, o óptico Guillermo Baamonde, o pediatra José Ramón García, a enfermeira Pura Seco e o doutor José Manuel Fandiño que, un por un, foron pasando un a un polo atril de pregoeiros para desexar unha felices festas a todos os ponteses e pontesas.

Os irmáns Pilar e Guillermo Baamonde adicaron o seu discurso ao seu pai, o coñecido coma Don Luís, do que lembraron non só anécdotas senón tamén o exemplo coma persoa e profesional que supuxo nas súas vidas.

Pola súa parte, os doutores José Ramón García e José Manuel Fandiño deron conta dos seus máis de 30 anos adicados a esta profesión, a maioría en As Pontes, nun municipio que malia non ser o seu xa é o seu fogar e, finalmente, a enfermeira Purificación Seco que tamén facía balanzo da súa vida profesional e que a piques está a rematar, unha vida profesional vencellada á sanidade pública e privada e con moitos nomes de compañeiros e compañeiras de profesión ás que a pregoeira tamén quixo homenaxear neste acto.

Asemade, a edil de Cultura, Sara Ramos, tamén se dirixía aos presentes aos que animou a desfrutar destes festexos que se prolongarán ata finais da vindeira semana.

Entre os asistentes a esta cita tamén se atopaban as familias do homenaxeados, representantes do equipo de goberno e dos partidos da oposición e dos colectivos ponteses e un nutrido grupo de veciños e veciñas que non quixeron deixar pasar a ocasión de desfrutar desta homenaxe a un sector que, a día de hoxe, estase a ver moi afectado polos recortes.

Este acto oficial de apertura das festas patronais pontesas pechouse coa actuación da Asociación Los Colores de México, unha formación vida dende o outro lado do Atlántico e que coas súas tradicionais rancheiras poñía a nota musical a este inicio das Festas do Carme que traerán, ata a noite do luns, unha intensa programación de música, actividades infantís, culturais e deportivas que farán as delicias de todos aqueles e aquelas que se animen a pasarse, durante estes días, por terras pontesas.

19 de xullo de 2013 | 22:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.