Efectivos municipais estudan se hai risco de derruba das dúas casas afectadas polo lume de Arbo
Efectivos municipais tratan de determinar se existe risco de derruba das dúas vivendas arrasadas durante a noite por un incendio na localidade pontevedresa de Arbo. O lume iniciouse pasada a media noite nunha vivenda situada no lugar da Estación, en Arbo. Foron os propios habitantes da casa, tras poñerse a salvo, os que alertaron de que había lume no tellado e que había dúas vivendas próximas tamén en situación de perigo.
Os Bombeiros de Ponteareas e os da localidade portuguesa de Melgaço traballaron toda a noite para extinguir as lapas e, de feito, continúan este mediodía no lugar do suceso arrefriando os recoldos e valorando os danos provocados polo lume.
Como consecuencia do incendio resultou totalmente calcinada a casa na que se orixinara, así como unha das vivendas lindantes. Unha terceira casa está parcialmente afectada. Aínda que non houbo que lamentar danos persoais, dende o 112 activaron o Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias para prestar apoio psicolóxico ás familias afectadas.