Os peiraos autonómicos das Rías Baixas recibiron máis de 1.700 barcos en tránsito no primeiro semestre do ano
Os portos de titularidade autonómica da comarca das Rías Baixas recibiron 1.714 barcos en tránsito durante o pasado mes de xullo, segundo datos facilitados polos propios xestores das instalacións naútico recreativas. Así o comunicou esta mañá o presidente do ente público responsable da xestión destas infraestruturas, Portos de Galicia, José Juan Durán, nunha rolda de prensa nas oficinas portuarias de Pontevedra.
O Monte Real Club de Iates de Baiona rexistrou o maior número de embarcacións destas características, con 214 tránsitos; seguido do porto deportivo de Baiona, con 190 e a marina de Combarro, con 148. A nivel autonómico, Galicia recibiu nos primeiros seis meses do ano un total de 2.547 barcos en tránsito e o peirao máis visitado foi o de Muros, con 354 chegadas.
Deste xeito, a provincia de Pontevedra confirma a consolidación desta actividade portuaria no conxunto da comunidade, que experimentara xa nos pasados anos un importante ascenso e que está a manter os bos resultados. Non en van, o conxunto dos peiraos autonómicos de Galicia experimentaron no primeiro semestre do ano unha suba dun 9% interanual.
Ante as cifras rexistradas, que van en consonancia coas dos últimos anos, Portos de Galicia mostra a súa satisfacción pola constatación da consolidación dunha actividade de importante impacto económico non só no sector portuario e náutico, senón tamén no conxunto das vilas que acollen instalación náutico recreativas.
Para Portos de Galicia, a captación de novos tránsitos é unha liña de traballo estrutural, tal como se recolle no Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020, que o ente público está a poñer en práctica. Para impulsar estas chegadas, estanse a desenvolver accións promocionais dos portos deportivos de Galicia a nivel nacional e internacional.











