O xacemento de Porto Maior protagoniza unha conferencia no museo
Eduardo Méndez-Quintas, investigador do Centro de Investigación sobre a Evolución Humana (CENIEH), será o encargado de impartir unha conferencia sobre o xacemento paleolítico de Porto Maior, situado no concello das Neves. A charla leva por título ‘Pedra a pedra: o xacemento paleolítico de Porto Maior (As Neves) como un exemplo excepcional en Europa’ e terá lugar no salón de actos do Sexto Edificio do xoves día 22, ás 20 horas.
A relevancia deste xacemento radica en que presenta a maior concentración de grandes ferramentas do Paleolítico inferior recoñecida en todo o continente europeo. Este tipo de xacemento só se coñecía no continente africano e en Oriente Próximo, polo que a súa presenza en Europa, concretamente nas Neves, supuxo unha auténtica novidade científica. Así mesmo, as características da industria lítica recuperada en Porto Maior inciden no aspecto “africano”, xa que mostran unhas dimensións anormalmente grandes para o recoñecido habitualmente no ámbito europeo.
O xacemento de Porto Maior fora localizado de xeito casual no ano 2005, co gallo da realización dunhas obras de extracción de terras, que deixaran á vista unha sección dos seus depósitos xeolóxicos. Tras unha serie de traballos preventivos, levados a cabo nos anos inmediatos ao seu descubrimento, durante 2012 e 2014 retómanse os traballos no xacemento, a cargo dun novo equipo de investigación. Segundo técnicas de datación realizadas neste xacemento, a súa antigüidade sitúase entre os 300.000 e os 200.000 anos, o que o converte no xacemento coñecido máis antigo de Galicia.
Os resultados destas investigacións foron publicadas na revista Scientific Reports, baixo o título “First evidence of an extensive Acheulean large cutting tool accumulation in Europe from Porto Maior (Galicia, Spain)”. O artigo é da autoría dos investigadores Eduardo Méndez-Quintas, Manuel Santonja, Alfredo Pérez-González do CENIEH, Mathieu Duval do Australian Research Centre for Human Evolution, Martina Demuro e Le Arnold da Universidade de Adelaida.











