A Garda Civil de Tráfico colaborará coa Xunta no Plan especial de inspección que velará polo funcionamento do transporte escolar de uso compartido

Reunión sobre o dispositivo para a implantación do transporte escolar de uso compartido. Foto: M. Fuentes
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, mantiveron hoxe unha reunión sobre o dispositivo para a implantación do transporte escolar de uso compartido, que incluirá un plan especial de inspeccións, no que ademais de efectivos da Xunta participará a Garda Civil de Tráfico.
Os axentes da Garda Civil de Tráfico velarán polo correcto funcionamento dese transporte de uso compartido, vixiando o cumprimento dos horarios e dos servizos programados, para asegurar que os alumnos chegan aos centros sen incidencias. Ao mesmo tempo, tamén inspeccionarán o cumprimento da normativa estatal en materia de seguridade no transporte de escolares e menores.
O Plan de inspección desenvolverase por fases, cunha primeira etapa de maior intensidade na que se desenvolverá no primeiro mes do curso escolar.
Na xuntanza de hoxe revisouse conxuntamente ese plan de inspección e constatouse que todo está a punto e as actuacións están coordinadas para desenvolver ese plan de inspección.
Vázquez Mourelle lembrou que este sistema que se porá en marcha o vindeiro 11 de setembro, co arranque do curso escolar, vén funcionando con éxito desde hai anos noutras autonomías, mellorando a mobilidade dos habitantes do rural, sen que iso supoña sacrificio algún na atención das necesidades de transporte dos escolares. O modelo vai empezar a funcionar en Galicia, como primeira fase, cun alcance limitado, no 10% das liñas de transporte escolar, que son, en todo caso, preto de 500 liñas, que usan preto do 8% dos alumnos.
A conselleira explicou que o sistema dispón de plenas garantías para os usuarios escolares, xa que a atención ás súas necesidades está blindada como prioritaria nos contratos; mantéñense intactos os horarios, as paradas e os percorridos do transporte escolar; e protéxese ao alumnado por riba das esixencias legais, asegurando a presenza dun monitor acompañante con instrucións claras en cada unha das rutas de uso compartido, supoñendo aumentar un 60% o número de acompañantes existentes na actualidade.
Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria salientou que esta nova modalidade é un “sistema lóxico” porque permite acadar un maior uso social dos recursos públicos que se destinan ao transporte escolar. E isto, remarcou, mantendo garantidas as prazas dos alumnos e a atención ás súas necesidades de transporte.
Nas últimas semanas a Xunta e a delegación do Goberno en Galicia están a traballar nese Plan especial, que vai abranguer todo o territorio galego e nas rutas escolares da nova modalidade. Ademais, o Executivo autonómico continúa a traballar con todos os axentes implicados como os centros, as anpas ou as empresas co obxectivo de asegurar que o correcto funcionamento deste transporte de uso compartido permite cumprir cos seu obxectivos: unha mellor atención aos escolares, grazas aos acompañantes e a ese reforzo das inspeccións e unha mellor mobilidade no rural, multiplicando as súas posibilidades de desprazamentos co acceso ao dobre de paradas de autobús.











