A Deputación de Lugo mellora con 336.000 euros servizos públicos en Guitiriz, Palas de Rei, A Fonsagrada e Samos
O voceiro do Goberno da Deputación, Álvaro Santos Ramos, informou este venres tras a Xunta de Goberno sobre os prazos da posta en marcha de novas obras de mellora de servizos públicos nos Concellos de Guitiriz, Palas de Rei, A Fonsagrada e Samos, que financia o Executivo Provincial con 336.000 euros.
Nas vindeiras semanas (tras os prazos legais ao respecto do proceso de contratación) comezará os traballos de posta en valor do polígono de Guitiriz, dotados dun total de 110.000 euros. Deste cantidade, o Goberno da Deputación colabora cunha achega 26.000 euros, pois o Concello inviste 84.000 euros. Con este presuposto, dotarase a esta área industrial dunha nova planta de depuración de augas pluviais, adquirirase a parcela onde se asentará este novo sistema e mellorarase o alumeado público.
Tamén no municipio guitiricense, habilitarase unha nova senda peonil no contorno do balneario, concretamente no camiño do Barreiro, grazas a unha axuda de 11.000 euros do Goberno da Deputación; e adquirirase un robot de limpeza para a piscina municipal con outra achega de 3.2000 euros.
Santos Ramos informou sobre a posta en marcha esta mesma semana das obras de 230.000 euros, que achega na súa totalidade o Executivo Provincial, de dotación de herba artificial e vestiarios ao campo de fútbol de Palas de Rei.
Na Fonsagrada, en outubro arrancará a prospección arqueolóxica do Castro do Castelón, que contan cun orzamento de 46.000 euros, que destinou o Goberno Provincial. Estas investigacións, que levarán a cabo 5 profesionais do sector, prologaranse durante todo ese mes.
E en Samos, o Goberno da Deputación acordou reinvestir 20.000 euros, procedentes de remanentes de obras levadas a cabo neste Concello, na mellora dos accesos viarios aos núcleos rurais de Manxar e Toca, nos que viven unha ducia de familias. Cómpre lembrar que o Executivo Provincial decidiu reinvestir sempre os remanentes xerados en obras municipais nos propios Concellos.