O Palacete das Mendoza acollerá a oficina de información turística de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPontevedra
A-
A+

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acaba de asinar unha resolución presidencial mediante a cal se pon en marcha no Palacete das Mendoza a oficina de atención turística do Concello de Pontevedra. A través desta resolución centralízase na sede de Turismo Rías Baixas toda a información turística dirixida ás persoas que visitan a capital da provincia, facilitando e optimizando a atención ás e aos turistas que chegan ata a cidade.

Un dos grandes obxectivos do novo goberno da Deputación de Pontevedra é o turismo. Co obxectivo de seguir mellorando, impulsando e modernizando este sector, a institución provincial, da man do Concello de Pontevedra, sumando sinerxías e pensando no ben común, están a impulsar medidas para optimizar os recursos públicos, entre as que se atopan o acordo adoptado de centralización da información turística na oficina do Palacete das Mendoza, a primeira de Galicia en obter a “Q” de Calidade, ademais de contar co distintivo do SICTED.

Os primeiros pasos deste acordo entre a Deputación e o Concello de Pontevedra xa se foron dando nos últimos meses, coa supresión da oficina de información turística de Vialia e da situada en Montero Ríos. A partir de hoxe, tal e como manifestou Carmela Silva, “Pontevedra contará cun único punto de atención global para informar ás persoas que queiran coñecer a cidade e a provincia de Pontevedra, coordinando as políticas de fomento dirixidas ao sector turístico, compartindo e centralizando a información, sumando esforzos e sinerxías, tanto a nivel local como provincial, nunha única sede”.

A oficina de información turística do Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, estará aberta de luns a venres de 9 a 20 horas, sábados e festivos de 10 a 14 e de 16 a 19 e os domingos de 10 a 14 horas.

10 de abril de 2017 | 17:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.