publicidade hoxe

Tecnoloxía, música, gastronomía e cultura serán as propostas da Ourense ICC Week 2017

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioOurense
A-
A+
Presentación do ICC Week 2017

Presentación do ICC Week 2017

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar e os coordinadores da ICC Week 2017, Manuel Araújo e Juan Rivas, presentaron esta mañá no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” o programa completo desta III edición da Semana das Industrias Culturais e Creativas que organiza anualmente a Deputación de Ourense.

Manuel Baltar destacou que este evento cultural, xa consolidado, converte á provincia de Ourense no cerne das industrias culturais e creativas, situando ao noso territorio como un espazo para debater no ámbito da creatividade e no que se incorporan novas cuestións como a gastronomía”, “un evento con actitude expansiva, que está en constante crecemento e que innova ano tras ano, o cal lle outorga ese rango consolidado a nivel estatal”, expresou Baltar. Así mesmo, lembrou que esta iniciativa vencella “a innovación coa nosa tradición e historia, xa que seu ámbito de actuación desprégase pola nosa xeografía con actividades que se desenvolverán en lugares emblemáticos da nosa provincia”.

As actividades comezarán o vindeiro día 2 de maio coa inauguración desta edición, baixo o título: “Cultura e creatividade como valor nos territorios”. Intervirán Manuel Baltar; o director do instituto Cervantes Lisboa, Javier Rioyo; e a escritora, Elsa Punset. O acto terá no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación e, posteriormente, será a quenda para a música, cun concerto a cargo de Depedro no Teatro Principal.

Ao día seguinte, o 3 de maio, a programación da ICC Week trasládase ata o Mosteiro de Oseira lugar que acollerá o debate sobre “O futuro da música na era dixital” en xornada de mañá. Participarán o xornalista Javier Becerra; a coordinadora de ¡Queremos entrar!, Almudena Palacios; o Brand Activation Director na multinacional M&C Saatchi, Daniel Sanchís; o músico e compositor, Miqui Puig; e a manager, Patricia Hermida. O programa inclúe tamén unha visita aos fornos de pan do Concello de Cea, “para achegarlles unha experiencia distinta na provincia de Ourense”, dixo Juan Rivas. Ese mesmo, pola tarde, no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” terá lugar unha mesa redonda sobre “A creatividade, o ingrediente perfecto”, na que participarán o redactor de recetasderechupete.com, Alfonso López; o Chef, Pepe Solla; o chef, Javier Olleros; a redactora xefa de “El Comidísta”, Mónica Escudero; e os chefs dos restaurante “Nova” de Ourense, Julio Soutomayor e Daniel Guzmán.

O xoves, 4 de maio, pola mañá, as actividades retómanse no Castelo de Maceda onde o director de cine Oliver Laxe e a produtora Concha Fontenla impartirán masterclass sobre produción audiovisual. Pola tarde, as actividades continúan no edificio La Molinera cunha mesa redonda sobre o tema “Unha viaxe cara á sociedade do coñecemento”, na cal participarán o director do ESEI Campus de Ourense, Fran Rodríguez; o director xeral VEGAP, Javier Gutiérrez; de Ouishare, Pako Rodríguez; o director de contidos de El País Retina, Jaime García; e o director do Outono Fotográfico, Xosé L. Vázquez.

O día 5 de maio continúa a programación en Verín no Castelo de Monterrei para abordar o tema “Retos Culturais e creativos en Galicia. oportunidades do territorio, ferramentas de xestión”. Participarán o presidente da AGPXC, Alberto García; a iniciativa “Vivir Vilamarín”; do espazo de coworking rural “Sende”, María Rodríguez; da Miteu, Fernando Dacosta; a asociación Espacio Matrioska; o consultor e xestor cultural, Sergio Lago; o director de O Marisquiño, Pity Domínguez; o codirector de Play-Doc, Ángel Sánchez; a directora de O Gato Cósmico, Matilde Rodríguez; a comisaria artística do Festival FASE, Raquel Rivera; e o director do Festival de Cans, Alfonso Pato.

O venres pola tarde será a quenda para a masterclass de guión a cargo do guionista Javier Olivares e do músico e produtor “El Langui”, que falará da cultura como medio de superación. Por último, haberá un concerto sorpresa de carácter internacional nos Xardíns Padre Feijoo.

O sábado 6 de maio, enmarcado en “Unha viaxe cara a sociedade do coñecemento”, o produtor, Carlos Jean, ofrecerá un relatorio sobre “A creatividade soluciona problemas”, no edificio de La Molinera.

Asemade, no apartado musical, ademais dos concertos citados, actuarán en formato after work e sesión vermú, The Funkles, o mércores, 3 de maio; Bigott e Malandómeda, o sábado, 6 de maio, pechando o panorama de actuacións o concerto de Juan Magán, o 6 de maio ás 22.00 horas. Así mesmo, do 4 ao 7 de maio desenvolverase a ICC Technium no Polideportivo do Campus de Ourense.

30 de marzo de 2017 | 18:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.