publicidade hoxe

A Deputación anima a conmemorar o centenario da estatua de Rosalía da Alameda de Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaSantiago de Compostela
A-
A+

A área de Cultura da Deputación da Coruña animará a colectivos, institucións e o conxunto da poboación a recrear o cortexo cívico que o 30 de xullo de 1917, hai agora cen anos, inaugurou o emblemático monumento a Rosalía de Castro na Alameda de Santiago. A conmemoración é unha das iniciativas que a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín, anunciou en roda de prensa en Santiago de Compostela, acompañada do investigador, Miguel Anxo Seixas, autor da obra “Quen fora pedra” que recolle a historia do monumento e que publicará a Deputación da Coruña.

Nun ano en que coinciden dúas datas especiais arredor de Rosalía de Castro, o 180 aniversario do nacemento e o centenario do monumento da Alameda, Goretti Sanmartín presentou diversas iniciativas que buscarán comprometer o conxunto da poboación a honrar a quen definiu como un “símbolo e un referente de toda Galiza e muller pioneira, no feminismo e na defensa da lingua e do país “.

O acto central terá lugar o vindeiro 30 de xullo coa recreación do histórico cortexo cívico nun “día de festa participativo para o que convidaremos a participar a todas as institucións e colectivos ademais do conxunto da poboación, á maneira do pulo que promoveu a instalación dun monumento que é un espazo de especial relevancia na nosa historia”. Mais antes desa data que xa se fixa como horizonte, a Deputación organizará o vindeiro día 23 de febreiro, véspera do aniversario do nacemento, un acto arredor da estatua de homenaxe á escritora e figura fundamental da nosa historia.

“Polo monumento en que Rosalía nos observa pensativa pasaron milleiros de persoas e organizáronse multitude de actos literarios, sociais e políticos e, convertido xa en símbolo, solicitaremos que a xente difunda a través das redes fotografías da estatua, para conmemorar colectivamente o seu centenario, coa mesma filosofía da súa creación”, sinalou Goretti Sanmartín que animou a publicar ao longo deste mes novas imaxes ou recuperar fotografías feitas ao seu pé e subilas na rede cos cancelos #QuenForaPedra #Rosalia1917-2017.

Destacou o empeño social na súa creación, sufragada con achegas indivisuais e colectivas nun proceso non exento de polémica, arredor do concurso de proxectos, e con episodios como o traslado de Madrid a Compostela que durou oito días.

“Mais, sobre todo, trátase dun símbolo de exaltación da nosa cultura e a nosa lingua, un lugar de referencia para o galeguismo e o nacionalismo”, sinalou e citou desde o cortexo cívico da súa inauguración ate, por exemplo, a “a recente campaña da plataforma A Sega para lle pór bufandas e abrigala en febreiro de 2015, pasando pola ofrenda da Fundación Rosalía de Castro e tantas personalidades e grupos que quixeron retratarse á súa beira, desde Castelao a Otero Pedrayo, Suárez Picallo, Filomena Dato e unha longuísima serie de nomes que queremos contribuír a incrementar”.

Con este exemplo inaugural de proxecto colectivo, Goretti Sanmartín convidou a realizar un primeiro acto de homenaxe á beira da estatua do Parque da Alameda o próximo día 23 de febreiro ás 12:00 horas, na véspera do Día de Rosalía, como inicio “do camiño en que se sumarán persoas, colectivos e institución de cara á celebrar de novo dese cortexo cívico cen anos despois, un 30 de xullo de 2017 que, simbolicamente. cadra nun domingo, nun día de festa”, explicou a vicepresidenta da Deputación.

Arredor da conmemoración, a Deputación da Coruña publicará o libro Quen fora pedra, de Miguel Anxo Seixas, título tomado dun verso da poeta que agora acae á conmemoración dun monumento que “nos observa, coñece moitos segredos daquelas persoas que por alí pasaron, para se namoraren, para teceren redes de amizade, para dar discursos políticos e para se comprometeren coa nosa lingua e a nosa cultura”.

Miguel Anxo Seixas, que falou de Rosalía como “o símbolo indiscutíbel e rostro de Galiza”, lembrou o inicio da organización para a creación do monumento por parte da Liga de Amigos que “comezan a moverse e diríxense a prensa para difundir o proxecto para o que crearon o primeiro crowfunding ao se dirixiren a colectivos galegos e da emigración para que comecen a mandar diñeiro”. Os cartos, segundo dixo, van chegando de Bos Aires, da Habana, de Madrid ou de México mais tamén das puxas celebradas na festa de Santiago con obxectos doados pola xente ou mesmo das achegas de nenas e nenos que contribúen tamén a sumar forzas para a construción do monumento para o que se conseguen 30.000 pesetas.

“Trátase da primeira vez que a cultura galega homenaxea unha persoa que escribiu na súa lingua e que se lle faga un monumento con esforzo colectivo é para nós un orgullo”, dixo Seixas da iniciativa que só ten como antecedente o busto a Curros Enríquez en Vigo de 1911.

A vicepresidenta da Deputación situou a conmemoración na liña de “recoñecer na figura de Rosalía a persoa que deu inicio ao proceso de recuperación lingüística e literaria do galego despois de séculos de abandono dos usos cultos e escritos” en que tamén se insire a convocatoria do Premio Rosalía de Castro de Lingua dirixido a recoñecer iniciativas, traballos e traxectorias comprometidas coa dignificación da lingua galega. Nesta oitava edición o premio contará, como acontece desde a pasada, con dúas modalidades, unha xeral e outra centrada no recoñecemento a quen desenvolva ese labor nos ámbitos da infancia e da mocidade, por seren os máis necesitados de políticas activas que pulen pola súa dignificación.

2 de febreiro de 2017 | 18:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.