Os xulgados de Familia de Vigo derivaron desde o ano 2012 un total de 649 casos ao servizo de mediación familiar intraxudicial
Os xulgados de Familia de Vigo derivaron 649 asuntos ao Servizo de mediación familiar intraxudicial desde o ano de implantación do departamento, en 2012, o que evidencia a aceptación social deste tipo de medidas para a resolución de conflitos. O director xeral de Xustixa, Juan José Martín, revelou estes datos na súa visita ás dependencias do servizo, onde puido comprobar de primeira man o labor dos traballadores.
O 60% das parellas que foron derivadas aos equipos de mediación familiar iniciaron o proceso na súa fase inicial coa sesión informativa previa, tendo en conta que se trata dun sistema voluntario. Destas familias, máis do 40% sometéronse ao proceso de mediación, e, destas, preto do 60% rematárono con acordo.
Na mediación que se produce dentro dos procesos xudiciais de familia (separacións, divorcios, modificación de medidas…) é a propia autoridade xudicial a que deriva ao proceso de mediación familiar intraxudicial a aquelas parellas que, fundamentalmente por ter nenos en común, é preciso que limen diferenzas e atopen por si mesmas (coa intervención neutral e cualificada dun terceiro –o mediador familiar-) un acordo duradeiro e mutuamente aceptable, considerando as necesidades de cada membro da familia e especialmente dos nenos.
No ano 2009 comezouse cun proxecto piloto de mediación intraxudicial no ámbito de familia no partido xudicial de Santiago, que logo se foi estendendo a outros partidos xudiciais: concretamente no partido xudicial de Vigo se implantou no ano 2012 e conta coa colaboración do Consejo General del Poder Judicial, o Ministerio Fiscal e a Universidade de Vigo. O sistema actualmente atópase estendido a todas as cidades galegas, o que amosa o compromiso coa iniciativa mediadora da Xunta de Galicia, que contribúe ao financiamento da actividade achegando recursos económicos do orzamento autonómico.
A través destas iniciativas a Xunta de Galicia avanza no seu compromiso de dotar á cidadanía de solucións idóneas na resolución pacífica de conflitos, e en cuxo proceso cobra singular importancia a sensibilidade e compromiso asumidos polos membros da carreira xudicial, fiscal, letrados da administración de xustiza, universidades, psicólogos e avogados para impulsar estes proxectos de mediación. Este esforzo vén integrar o modelo da nova xustiza restaurativa ao que debe tender o ordenamento xurídico e que só se consegue cunha debida coordinación institucional.











