Ames recibe o ano con teatro, música e obradoiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

O Concello de Ames pecha esta semana, coincidindo coa entrada do aninovo, a programación de Nadal que se ven desenvolvendo desde principios do pasado mes de decembro. O 2017 arranca no municipio con diferentes actividades nas que os máis pequenos da casa seguirán a ser os protagonistas. Teatro, concertos de aninovo, dous obradoiros e unha Foliada de Nadal con Apego conforman as principais citas destes primeiros días do ano, antes da agardada Festa de Reis do próximo xoves.

O ano 2017 comeza en Ames con teatro infantil a cargo da compañía Kukas Producións Artísticas, que porá en escena o espectáculo “Os monicreques de Kukas Encoro enmeigado (nas fragas do Eume)”. A obra represéntase hoxe luns, 2 de xaneiro, ás 17:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. No Encoro enmeigado (das fragas do Eume) póñense en valor elementos da nosa tradición xunto a problemas que o mundo moderno ten que enfrontar como a utilización dos recursos naturais para producir enerxía e como se pode chegar a un equilibrio co ecosistema sen deixar de lado o progreso. E todo iso nunha montaxe que mestura pasado e presente, maxia e realidade, respecto polo medio ambiente e progreso sostible nunha posta en escena divertida, poética e plasticamente moi atractiva para o espectador. As entradas están á venda na Billeteira electrónica municipal.

Obradoiro de cantos de Nadal en Bertamiráns

Tamén hoxe luns está prevista a realización do obradoiro Imos cantar o Nadal, que se desenvolverá no Pazo da Peregrina de Bertamiráns a partir das 17:00 horas. Encádrase dentro do programa Apego e está dirixido ás familias e aos nenos e nenas de calquera idade. Os cativos e cativas de menos 6 anos deberán acudir obrigatoriamente acompañados dun adulto. A actividade está organizada polos departamentos de Normalización Lingüística e de Promoción Económica e na mesma aprenderanse diferentes panxoliñas que logo se cantarán na rúa acompañadas de instrumentos de elaboración propia. Os participantes volverán despois ao Pazo da Peregrina para recibir o aninovo cunha merenda.

Foliada de Nadal

Para mañá martes, día 3 de xaneiro, quedarán outras dúas actividades. As familias de Ames con cativos ou cativas de calquera idade seguirán bailando e cantando na “Foliada de Nadal con Apego”, que se vai a desenvolver a partir das 18:00 horas no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. A través desta actividade, incluída dentro da programación infantil con Apego, trátase de organizar un encontro no que as familias amesás se coñezan, compartan, canten, bailen, aprendan cancións galegas, merenden e, sobre todo, o pasen ben. Ademais, nesta ocasión, contarase coa visita do Apalpador, que baixará do Courel para estar cos nenos e nenas de Ames. Para participar nesta actividade hai que inscribirse enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal

Ademáis, a Aula da Natureza desenvolverá un novo obradoiro de “Eu guísoo eu cómoo naturalmente!” a partir das 16:30 na Aula da Natureza. Para esta actividade, dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, cubríronse as 20 prazas que se ofertaban. Os pequenos aprenderán a cociñar dous bocados de reis nos que a coliflor e o merengue serán os protagonistas.

Concertos de aninovo

A música será protagonista tamén nas xornadas de martes e mércores, coa celebración dos concertos de aninovo en diferentes prazas do Concello. Así, mañá martes día 3, desenvolveranse dúas actuacións a partir das 18:00 horas. O coro de Ames e Piñeiro actuará na Praza do Concello en Bertamiráns e o Coro Son Elas fará o propio na praza da rúa das Figuieiras, no Milladoiro. O mércores os concertos de aninovo desenvolveranse en Bertamiráns. O Coro Son Elas levará a súa actuación á praza da Maía ás 18:00 horas, mentres que a Coral Lojo Batalla de Tapia actuará na praza de Chavián a partir das 19:00 horas. En caso de choiva, suspenderanse os concertos.

2 de xaneiro de 2017 | 17:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.