Rey Varela entrega os diplomas acreditativos da participación no programa ‘Deseñando o teu futuro’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia-
A-
A+
Rey Varela na entrega de diplomas

Rey Varela na entrega de diplomas

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, entregou na xornada de hoxe os diplomas aos 33 mozos e mozas da comarca de Ordes que participaron no programa ‘Deseñando o teu futuro’ da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e que estivo promovido pola Mancomunidade de municipios da Comarca de Ordes. Alí, o responsable da carteira social da Xunta de Galicia garantiu “apoio constante” á xuventude de Galicia, “non só neste momento formativo, tamén na súa inserción no mercado laboral”.

O conselleiro de Política Social, acompañado pola directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, destacou a importancia do programa ‘Deseñando o teu futuro’ destinado a financiar proxectos para que os mozos e mozas de entre 14 e 18 anos realicen estadías-visitas titorizadas en distintos sectores das empresas radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia, facilitando así unha experiencia que lle permita decidir a súa traxectoria formativa profesional. As estadías visitas en empresas teñen unha duración mínima de cinco días e máxima de quince días hábiles e se establece unha xornada mínima diaria de catro horas.

Previamente á entrega de diplomas, conselleiro e directora xeral realizaron unha visita á Carpintería Sanjurjo que acolle a dous mozos que están a realizar o seu período de estancia durante os 15 días de duración. Os rapaces da Mancomunidade de Ordes realizan as súas estadías en sectores tan diversos como a hostalería, administración, panadería, agricultura, fotografía, perruquería, comercio, farmacia, informática, servizos sociais ou incluso na Policía Local.

O proxecto levado a cabo na Comarca de Ordes contou coa participación de 33 mozos e mozas pertencentes aos concellos de Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Trazo e Tordoia. “33 participantes que xa contan no seu currículo coas competencias, habilidades e cualificacións adquiridas grazas a esta experiencia de educación non formal”, apuntou o conselleiro.

As entidades beneficiarias do programa “Deseñando o teu futuro”, alén da Mancomunidade de Ordes, son a Agrupación de Concellos de Camariñas, Mazaricos, Muxía e Vimianzo; así como os Concellos de Cuntis, Soutomaior, Tomiño, Vila de Cruces e Boqueixón. Ademais, tamén obteñen axudas a Asociación EFA Fonteboa, a Asociación Xuvenil Brigantium, a ANPA Escuela Hogar Nuestra Señora del Carmen La Grande Obra de Atocha, o Centro de Desenvolvemento Rural Portas Abertas e a Asociación Galicia Inxenia.

2 de setembro de 2016 | 17:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.