O Setembro Lúdico achega aos máis cativos ás Olimpiadas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

Remata a Escola de Verán e comeza o setembro Lúdico. Os programas de conciliación da vida laboral e familiar do Concello de Ames posúen carácter de continuidade sen cortes, de xeito que todos os días do ano agás sábados, domingos e festivos, nos que non hai clase oficial, un programa ofrece ás familias a posibilidade de que os seus nenos e nenas acudan a estas “escolas divertidas” onde non hai deberes nin exames e se adquiren valores e coñecementos distintos aos que propón a ensinanza regrada. Onte rematou a Escola de Verán cunha excursión ao Monte Gaias, promesa incluída no programa do grupo nenos e nenas que gañou ás eleccións coas que concluíu unha Escola de Verán que levaba por lema “Ames na mirada dos nenos e das nenas”, e hoxe comeza o Setembro Lúdico que se prolongará ate o día en que comecen as clases nos colexios e que este ano se dedica ás Olimpiadas.

Moitos dos usuarios e usuarias do programa que cubre os días entre o final de agosto e o principio do curso falaban do que facían esta mañá -deseñar por equipos a mascota das Olimpiadas- e do que fixeron onte -visitar a Cidade da Cultura, excursión coa que rematou a Escola de Verán- coma se se tratase do mesmo “cole”, “un cole divertido no que se aprende xogando”, segundo nos conta Mateo que hoxe, no mesmo espazo e sen determinar diferenzas, acudía ao Setembro Lúdico e onte a Escola de Verán, e onde “se poden traballar con ferramentas distintas ás das ensinanzas regradas, valores como a importancia do equipo, a solidariedade, a tolerancia ou o respecto”, segundo contaba Héctor, un dos monitores da empresa Agora Aberta, encargada destes programas de conciliación.

Este ano acoden ao setembro lúdico 138 nenos e nenas, 73 no Milladoiro e 65 en Bertamiráns. O tema elixido para xogar e aprender son as Olimpiadas. Por iso esta mañá os nenos e as nenas deseñaban unha mascota. Facíano por equipos, desexando cada un deles que a súa fora despois a máis votada e polo tanto a que representara ás Olimpiadas do Setembro Lúdico. Tamén compoñerán un himno propio e coñecerán cada día a un deportista ou a un personaxe representativo na historia das Olimpiadas. Fredy Mercuri, Monserrat Caballé, Alberto Tomba, María Belmonte, entre outros, presentaranse diante dos nenos a través das caracterizacións e as historias que lles conten os monitores e as monitoras: “Trátase de que coñezan a historia do deporte a través de personaxes representativos, pero o máis importante é que saiban e incorporen o espírito olímpico”, declara Hector. O setembro Lúdico prolongarase ate o día 9 de setembro.

Excursión ao Gaias para rematar a Escola de Verán 

Varios dos nenos e das nenas que hoxe comezaban a practicar ese “espírito olímpico” do que falaba Héctor, visitaron onte a cidade da cultura na excursión coa que remataba a Escola de Verán este ano. A excursión estaba no programa do grupo que gañou as eleccións coas que se coroaban dous meses de achegamento dos nenos e as nenas á realidade máis próxima. A Escola de Verán este ano levaba por lema “Ames na mirada dos nenos e das nenas” e grazas a este tema a rapazada tivo a oportunidade de coñecer mellor a súa contorna e de imaxinar a súa cidade ideal.

“Tratamos de introducir aos nenos e ás nenas nun sistema político democrático. Eles tiñan a oportunidade de planificar o último día da Escola de Verán por grupos. Se fixeron as eleccións, se fixo o pleno co partido gañador e os da oposición. A festa foi o resultado do que decidiron entre todos, participando cada un. Foi un exercicio moi interesante en canto á tolerancia. A parte máis produtiva foi que eles acadasen a autoxestión, a autonomía, que se organizasen, e conciliar aos que gañaron- que non tiñan o poder absoluto- e que tiñan que aceptar as propostas do resto”, manifesta Paola, unha das monitoras, que ademais salienta o feito e que “con estas actividades o que se pretende é xerar a capacidade crítica nos nenos e nas nenas, que saiban que poden decidir cousas desde eles e para eles”. 

1 de setembro de 2016 | 18:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.