publicidade hoxe

O I Premio Ría de Arousa favorece a cultura emprendedora e o desenvolvemento de proxectos innovadores

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, participaron hoxe en Vilagarcía, durante a súa visita ao novo Centro de Promoción do Emprendemento ligado á economía marítimo-portuaria, na entrega do I Premio Ría de Arousa de ideas excelentes do sector. A Xunta, ademais da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, colabora nesta iniciativa con AJE Pontevedra que permitirá dar oportunidades a emprendedores para desenvolver proxectos innovadores que favorecerán un mellor aproveitamento dos recursos mariños da zona de acordo con criterios de sostenibilidade medioambiental.

Francisco Otero foi o gañador desta primeira edición co seu proxecto Almatea, un sistema que aporta aos profesionais do sector do mexillón as ferramentas tecnolóxicas precisas para mellorar os procesos de produción e, ao mesmo tempo, lograr que as empresas poidan ser máis competitivas e se axusten mellorar ás necesidades e demandas dos clientes.

Os conselleiros de Economía, Emprego e Industria, e do Mar tamén puxeron en valor os tres accésits concedidos e que demostran as oportunidades de emprendemento que existen a través de propostas relacionadas coa ría de Vilagarcía. Así, Sandra Touza desenvolveu unha ruta pola ría para a dinamización da zona a través do turismo industrial; Tamara Rodríguez fomentou a promoción dos produtos frescos da ría a través dun food-truck de comida rápida; e Alberto Álvarez apostou no seu proxecto por un sistema de visión subacuática en 3D para mellorar a produción e automatizar os procesos de cultivo en empresas de acuicultura ou pesqueiras.

Conde resaltou que este premio o que permite é impulsar proxectos de emprendemento vinculados ao campo marítimo portuario poñendo en valor o talento, ao tempo que destacou que supón “un pulo á actividade empresarial da comarca”.

Esta nova iniciativa completa unha serie de proxectos postos en marcha pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para facilitar a cultura emprendedora na comunidade galega, como a Unidade Galicia Emprende, que desde a súa creación contribuíu á creación de máis de 200 empresas; a plataforma Doing Business, que permite a supresión de barreiras administrativas, ademais de escoitar e dar resposta aos empresarios; ou as aceleradoras de emprendemento e innovación que favorecen a captación e canalización do talento por toda a Comunidade.

Precisamente, o titular de Economía salientou a importancia de combinar emprendemento e innovación “para crear en Galicia un ecosistema para facer fronte aos novos paradigmas económicos”, todo isto acompañado da colaboración institucional. Indicou, así mesmo, a necesidade de relanzar o sector do mar a través da innovación e seguir liderando o sector pesqueiro a nivel europeo.

Neste senso, o conselleiro asegurou que Galicia está creando o seu propio ecosistema de innovación, converténdose nun referente no apoio aos empredendores. Esta filosofía contribuíu a que no primeiro semestre deste ano o número de empresas creadas en Galicia superase as 2.500, un 16,6% máis que no mesmo período de 2015, unha porcentaxe que se sobe ata o 18,2% no caso da provincia de Pontevedra, onde se puxeron en marcha preto dun millar de compañías.

Pola súa banda, Rosa Quintana felicitou aos gañadores e, en xeral, a todos os participantes no certame polos seus proxectos que amosan “a importancia que ten o conxunto marítimo-pesqueiro e portuario para a nosa comunidade”, destacou.

Ademais, a Conselleira do Mar agradeceu a confianza depositada pola presidenta da Autoridade Portuaria, Sagrario Franco, e polo seu equipo na Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra porque “cremos que eles son o futuro e traballando con eles unidos e coordinados seremos quen de poñer a Galicia no primeiro elo do emprendemento porque as novas xeracións son fundamentais para conseguir o desenvolvemento económico da nosa autonomía”, finalizou.

12 de xullo de 2016 | 17:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.