A Xunta avanza un investimento de 4 millóns de euros na construción de 9 novas sendas na comarca da Coruña
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, avanzou hoxe un investimento de 4 millóns de euros na construción de 9 novas sendas seguras e sustentables na comarca da Coruña. Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, presentou hoxe en rolda de prensa as actuacións previstas no Plan de Sendas de Galicia para a bisbarra da Coruña.
A titular de Infraestruturas explicou que no verán estarán redactados os proxectos das sendas para proceder á licitación das obras a medida que se vaian recibindo. Engadiu que xa se está a traballar nos proxectos e nas vindeiras datas os técnicos contactarán cos alcaldes ou cos concelleiros dos distintos municipios para concretar os proxectos das sendas e avanzar nos detalles técnicos.
Vázquez subliñou que o plan prevé actuacións tan importantes como a execución dunha pasarela na AC-552, para garantir a mobilidade transversal entre Marineda e A Grela, unha zona comercial moi concorrida.
A Xunta, nunha primeira fase, executará as seguintes sendas, que suman case 6 quilómetros de actuacións: mellora de accesos peonís no entorno da AC-552; comunicacións peonís e ciclistas no entorno da Telva; Montrove- As Pedreiras; Cambre-Sigrás-O Burgo; Sigrás; Fontán; As Pedreiras-O Carballo; Pastoriza-Vilarrodís; Mandín-As Torres.
A conselleira indicou que estas novas sendas uniranse a outras xa executadas pola Xunta na zona, como a rematada hai unhas semanas na AC-542, no núcleo das Travesas, en Carral. Concretou que se trata dunha actuación que mellorará a seguridade dos peregrinos no Camiño Inglés cara a Santiago e na que se investiron máis de 115.000 euros.
Vázquez concretou que o seu departamento está a traballar para que os veciños da Coruña e do seu contorno poidan ter, canto antes, sendas seguras, sostibles e integradas na paisaxe para realizar os seus itinerarios habituais. Precisou que estas infraestruturas terán beneficios para as persoas, ao velar pola súa seguridade e tratar de fomentar hábitos máis saudables; as vilas, supoñendo menor conxestión de vehículos; e para o medio, significando menos contaminación.
Plan de Sendas de Galicia
Estas actuacións presentadas hoxe na Coruña están enmarcadas na primeira fase do Plan de Sendas de Galicia, que en total prevé a construción de 170 novos quilómetros de itinerarios peonís e para bicis. O Plan de Sendas desenvólvese no marco do Plan de Seguridade Viaria 2016-2020, aprobado o pasado mes de febreiro e que se fixa como obxectivo estratéxico reducir á metade as vítimas mortais nas estradas galegas. Ademais alíñase cos obxectivos do Plan Estratéxico 2015-2020 de Galicia e coa Estratexia Europea 2020, en canto á promoción dunha economía baixa en carbono mediante o fomento dunha mobilidade sustentable.
A conselleira apuntou que a Xunta iniciou os traballos en 7 comarcas galegas, entre as que se atopa esta da Coruña. Así, nunha primeira fase acometeranse 55 novas sendas e un total 75 km, para peóns e para bicis, que suporán un investimento de 26,3 millóns de euros e progresivamente avanzarase nesta medida ata ter completados os 170 novos quilómetros de sendas.
O propósito fundamental desta iniciativa é promover sendas útiles e saudables, ao percorrer a distancia entre os núcleos urbanos e os centros de equipamentos e servizos como centros de saúde, áreas comerciais, lugares de lecer, escolas ou garderías.
O citado plan recolle actuacións coordinadas sobre a totalidade do territorio galego na procura de dous obxectivos prioritarios: protexer e incrementar a seguridade de peóns e ciclistas, os usuarios máis vulnerables das estradas; e promover unha mobilidade máis sustentable, favorecendo desprazamentos alternativos á utilización do vehículo particular.
O Plan elaborouse partindo dunha análise global de toda a comunidade, priorizando aquelas comarcas nas que actuar primeiramente, atendendo a factores como:
• A situación dos núcleos de poboación, os servizos e os equipamentos
• O tráfico e a sinistralidade que rexistra cada treito da estrada
• A orografía e as pendentes do terreo
• O clima
• A facilidade de implantación
• A posibilidade de conectar con percorridos xa existentes











