O xuíz declara prescrito o caso contra o exalcalde de Ourense Manuel Cabezas
O titular do Xulgado de Instrución Número 1 de Ourense, Leonardo Álvarez, declarou o sobresemento do caso contra o exalcalde de Ourense Manuel Cabezas e dous dos seus exedís de Urbanismo pola exención aos construtores do pagamento ao Concello do 10% dos aproveitamentos urbanísticos, ao considerar “extinguida” a responsabilidade penal na que puideron incorrer.
Nun auto datado o pasado venres, o mesmo día da citación do exalcalde como investigado, o xuíz Leonardo Álvarez rexeitou que o Concello de Ourense realizase malversación de caudais públicos, tal e como sinalaba na súa denuncia a exedil socialista de Urbanismo Áurea Soto, e declarou “prescrito” o prazo para pedir responsabilidades penais por un posible delito de prevaricación.
“Atopariámonos ante un delito de prevaricación”, sinalou no seu auto o titular do Xulgado de Instrución número un. No seu escrito Álvarez recordou que este delito prescribe aos 10 anos e que “é indubidable que dende a data dos feitos (1999-2002) ata a presentación da denuncia (2014) pasaron sobradamente 10 anos”.
O caso ten a súa orixe nunha denuncia presentada en 2014 por a exedil socialista de Urbanismo, quen solicitou unha investigación en torno ás razóns polas que o Concello non cobrou aos promotores privados as cesións do 10% que lle correspondían polos proxectos urbanísticos antes da entrada en vigor do PXOM de 2003. Na súa denuncia, Soto sinalaba unha posible malversación.
Non obstante, no seu escrito, Leonardo Álvarez descartou a existencia de malversación de caudais públicos ao non se producir unha “especial relación de dependencia entre os caudais ou efectos e o autor do delito”, tal e como recolle o artigo 432 do Código Penal.
Considera que non concorre este suposto porque os membros da corporación municipal que aprobaron o acordo para non cobrar o 10% dos aproveitamentos urbanísticos non dispoñían dunha situación de dependencia ou dispoñibilidade sobre ningún efecto ou caudal de carácter público”.
Así, no seu auto, o xuíz sinala que “os posibles prexuízos” causados ao Concello terían a súa orixe nos beneficios deixados de percibir, non en caudais que xa estivesen no seu patrimonio, tal e como recolle o artigo 432 do Código Penal, que insiste en que estes bens teñen que ser públicos para que haxa malversación.
ÁUREA SOTO VAI RECORRER A DECISIÓN XUDICIAL
A ex edil de Urbanismo, Aurea Soto, confirmou que vai recorrer a decisión do xuíz. “Trasladarémolo por escrito e discutirase nas instancias que sexan necesarias”, dixo.
Soto criticou que o xuíz rexeite a existencia dun delito de malversación ao considerar que ese 10% “nunca chegou a entrar nas arcas municipais” e considerou que “non é así, porque ese 10% xa é municipal cando se fai un plan xeral”.
“Segundo o razoamento do auto pode volver repetirse constantemente porque non é máis que prevaricación administrativa”, lamentou Soto para quen “o máis grave é a mensaxe que se manda á sociedade”.
Así, considerou que “o importante se arquiva en dous minutos e medio” e que, cando se investiga, “se fai sen chamar a declarar o necesario”. “Ten que poñerse toda a enerxía por parte dos xulgados para investigalo e que non volva acontecer”, concluíu Soto.











