O goberno galego admite o custo político do cambio de postura sobre ENCE
O secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Justo de Benito, admitiu que o cambio de postura do Goberno galego sobre a situación de ENCE na ría de Pontevedra supón “certo custo político”, pero defende que agora “o escenario non é o mesmo” nin dende o punto de vista lexislativo nin económico que cando se mantiña a marcha da pastera da ría de Pontevedra co horizonte de 2018.
Na comisión de Ordenación do Territorio do Parlamento galego, o BNG e AGE preguntaron á Xunta sobre a decisión do Goberno en funcións de prorrogar a concesión a ENCE na ría de Pontevedra ata 2073 e sobre o cambio de opinión do PP. De feito, recordaron que, nos seus programas electorais “de 2009 e 2012” defendía o traslado da factoría, e que o plan ordenación do litoral (POL) e as directrices de ordenación do territorio (DOT) da Xunta fixaban 2018 como data para o traslado da pastera.
En resposta, Justo de Benito xustificou que a Xunta “no seu momento defendese a retirada” de ENCE e agora o seu mantemento, porque “o escenario non é o mesmo” nin dende o punto de vista económico, nin xurídico pola Lei de Costas, o que dá lugar a “unha nova situación”, aínda que “asumindo certo custo político” para o Goberno galego por ese cambio de postura.
Ao respecto, defendeu que “a promoción e protección de emprego é unha prioridade absoluta” para a Xunta, pero garantiu que “non a calquera prezo”, pois se realizan “seguimentos periódicos” sobre o funcionamento desta factoría, “cun control absolutamente estrito” para “manter o máis alto nivel de esixencia no seu carácter ambiental”.
Así mesmo, remarcou que a recente decisión da prórroga a ENCE non é “por un criterio político” do Goberno, senón “un procedemento administrativo regulado” dunha secretaría xeral do Ministerio de Medio Ambiente, de forma que “se resolveu cando tocaba”.
BOTA EN CARA O BNG QUE NON ESTÁ NO CONGRESO
Tras recordar ao BNG que “aprobaron a primeira autorización ambiental integrada de ENCE en 2008” co goberno bipartito, De Benito reduciu o papel da actual Xunta a acreditar que a empresa cumpre os requisitos ambientais. Por iso, reiterou que a decisión da prórroga correspondeu ao Estado.
De tal forma, apuntou ao Bloque que debe preguntar no Congreso ao Goberno sobre a decisión da prórroga a ENCE, tras o cal lle botou en cara o BNG que “non “poden facelo”, porque non teñen representación” nas Cortes.
“CACICADA” PARA A OPOSICIÓN
Pola súa banda, a deputada do BNG Montse Prado acusou de “cacicada” a prórroga a ENCE, que identificou cun “roubo directo á calidade de vida dos cidadáns de Pontevedra”. Así, acusou o PP de cambiar a Lei de Costas para que ENCE non tivese que irse da ría en 2018, “sen que a Xunta dixese nada”.
Sobre esta decisión “indecente e ilexítima” dixo que existe un “beneficio” para a empresa e para “determinados cargos do PP” que “están no consello de administración”, “como Carlos del Álamo (que foi conselleiro con Manuel Fraga) ou Isabel Tocino”, polo que cre que “algo ule a podre” nesa decisión.
Ademais, denunciou que “non é unha cuestión de trámite, como quere facer crer o Gobierno e criticou que “pasa case todas as liñas vermellas”, pois se decide “en tempo de desconto” por un goberno en funcións, aínda que “non había un tempo que apremase”. Todo despois de recordar que no século XX foi a ditadura franquista a que “tomou a decisión” da situación de ENCE “en contra da vontade dos veciños”, acorde cun proxecto forestal que fixo que Galicia “se convertese nun auténtico eucaliptal”.
Xunto a isto, censurou que ENCE prometa un investimento de 61 millóns, que “é o chocolate do loro”, cando “gañou practicamente 50 millóns de euros” só en 2015. Nesta liña, Antón Sánchez (AGE) indicou que “a dúbida” é saber se os membros do Goberno galego “foron monicreques ou trileros” nesta cuestión.
Tamén aludiu o deputado de AGE ás “portas xiratorias” en ENCE para recriminar que “o PP ten dentro a corrupción”, no seu AND”, así como para censurar que se aposte pola “defensa dos intereses privados fronte aos intereses xerais”.











