O escritor irlandés Colm Tóibín ve na literatura a clave para aprender a ler o mundo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal Portada
A-
A+
Europa Press
Colm Tóibín na rolda de prensa en Santiago

Colm Tóibín na rolda de prensa en Santiago

O escritor irlandés Colm Tóibín ratificou este martes a súa aposta por incrementar a presenza da literatura no ensino a través da análise profunda de textos de distintas disciplinas, unha ferramenta que o autor considera clave para “aprender a ler o mundo”.

“Ensinar a ler de xeito coidadoso é ensinar un xeito de vivir, de saír ao mundo e de ler o mundo dunha forma máis precisa. Se non sabes ler o mundo, non sabes vivir”, explicou Tóibín durante a súa comparecencia en Santiago de Compostela, a onde se desprazou para recoller o seu segundo Premio Arcebispo Juan de San Clemente, un galardón que outorgan anualmente estudantes de secundaria encabezados polo Instituto Rosalía de Castro.

Na súa comparecencia ante os medios, Tóibín estivo acompañado por outro dos autores gañadores desta edición -que tamén repite premio-, o galego Pedro Feijóo. Aínda que nun principio estaba prevista a súa presenza, o terceiro galardoado, Javier Cercas, non puido chegar a tempo por un problema nos voos, aínda que si estará na recollida de premios que terá lugar no instituto compostelano.

No suposto de que tivese que facerse cargo da educación en lingua e literatura dos mozos actuais, Tóibín asegurou que poría máis énfase na lectura e a literatura, xa que “analizar un texto é esencial para vivir”, dixo.

Nesta liña, foi máis alá do concepto clásico de “ensinar a ler” para apostar por que os mozos aprendan a “ler de forma coidadosa” distintos tipos de textos, algo que lles axudará a “entender o mundo de forma máis precisa”. “Ler, por exemplo, poesía nunha clase, é unha forma de preparar os alumnos para todo”, sentenciou.

“ROMPER” PREXUÍZOS

Pola súa banda, Pedro Feijóo apostaría, de atoparse na mesma situación, por animar aos alumnos a que “rompesen” cos “prexuízos” que existen aínda no mundo da literatura sobre “o que é un bo libro e o que non”.

Feijóo criticou que o sector viva “demasiado atado a prexuízos” e á visión clásica da literatura, cando este oficio “non vén con manual de instrucións”, e pediu que se “abran os ollos á realidade”.

“Aplaudo que aparezan nas listas de vendas libros de cociña, de xardinaría… que haxa oferta contribúe á pluralidade”, dixo Feijóo, ao tempo que indicou que “un sistema literario que considera que goza de boa saúde” debe admitir que “haxa pluralidade” e non “dar as costas a unha boa parte dos lectores” que optan por obras afastadas da literatura “elevada”. “Non facelo sería un síntoma de arrogancia e temeridade”, dixo.

UNHA “ALEGRÍA INMENSA”

Sobre o premio, Pedro Feijóo recoñeceu que o recibiu cunha “alegría inmensa”, sobre todo tendo en conta que está outorgado por estudantes que toman moi en serio o seu papel de xurado”.

“Se o futuro vai vir dalgún lado, non vai ser a través da voz dos máis vellos, senón dos mozos”, dixo Feijóo, que agradeceu aos estudantes que “compartan un anaco dese futuro” coas xeracións anteriores.

Pedro Feijóo recordou que na novela premiada nesta ocasión, ‘A memoria da choiva’, fai referencia ao Instituto Rosalía de Castro precisamente como un “aceno” polo premio recibido fai dúas edicións por ‘Os fillos do mar’ e volveu agradecer o recoñecemento.

Tamén Colm Tóibín repite este ano como galardoado “co testamento de María’, despois de que en 2012 fose recoñecida con este premio á a súa obra ‘Brooklin’.

Sobre a temática da obra, que se achega ao lado humano e máis pagán da Virxe María, Tóibín asegurou que se trata dunha “historia poderosa” á que se achegou “con bastante seriedade”.

O escritor irlandés non se mostrou sorprendido polo feito de que os mozos de Secundaria decidiran premiar este libro, aínda tendo en conta que aborda unha cuestión complexa. “Cando a historia é forte, pode viaxar entre xeracións e entre países”, dixo Tóibín, para quen o libro analiza, en esencia, “a historia común” e unha figura “central” de países de raíz católica como España, Irlanda, Polonia ou Italia.

Aínda que Javier Cercas non puido estar presente na rolda de prensa, si o estará esta tarde na entrega do premio e na cea que, posteriormente, os galardoados compartirán cos alumnos. Cercas, igual que os outros premiados este ano, tamén repite galardón, dado que xa recibiu o Juan de San Clemente na edición número 12 pola ‘velocidade da luz’.

ESPÍRITO CRÍTICO E CREATIVO

No acto deste martes participou tamén o responsable de RSC de Abanca, Miguel Ángel Escotet, quen destacou o rigoroso traballo realizado polos mozos que participan como xurado deste premio, algo que, dixo, mostra o “espírito crítico e creativo” da xuventude actual.

Escotet destacou a decisión de Abanca de patrocinar durante polo menos os próximos cinco anos este premio literario para sumarse á “paixón” demostrada por os seus responsables e contribuír a que “poida “seguir crecendo”.

O responsable de RSC de Abanca comprometeu o apoio da entidade para poñer “os vimbios necesarios” para que os mozos, que demostran en convocatorias como esta a súa “madureza”, poidan “potenciar o seu talento”. A maiores, marcou como reto a “internacionalización” do certame e o seu contacto con outros países.

Nesta liña, dáse a circunstancia de que ao xurado habitual — formado por estudantes do Xelmírez I de Santiago, o Lucus Augusti de Lugo, o Pintor Colmeiro de Silleda, o Ferro Couselo de Ourense e o propio Rosalía de Castro — sumáronse este ano, en modalidade de narrativa en castelán, estudantes de catro centros de países da Unión Europea: un de Londres, outro da Bretaña francesa, outro de Frankfurt e un último de Santa Camba de Dão.

Os responsables destes centros, que tamén viaxaron ata Santiago, destacaron a importancia de formar nos institutos “cidadáns globais que poidan romper barreiras” e traballar nun “mundo globalizado” sendo conscientes dos elementos que os unen e das “diferenzas” entre as culturas para crear “unha Europa máis cohesionada”.

2 de febreiro de 2016 | 18:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.