publicidade hoxe

O Concello de Vilagarcía promove un paquete con sete iniciativas para dar emprego a 250 parados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O Concello de Vilagarcía pretende utilizar todos os medios ao seu alcance para loitar contra o paro na cidade. No marco das diferentes políticas de emprego que xa se están a poñer en marcha, o goberno local promove un paquete composto de iniciativas tendentes a poñer en marcha coa colaboración doutras administracións 7 programas de emprego cos que inserir no mercado laboral a 250 parados do municipio. O importe destas seis medidas ascende a 1.365.727 euros dos cales 141.542 serán financiados con fondos propios do Concello. Os programas xa foron presentados a Xunta e Deputación a efectos de que concreten a contía das correspondentes subvencións.

O programa máis importante no que a número de beneficiarios se refire e o Programa de Apoio Ao Emprego Concello de Vilagarcía destinado a formar, orientar, mediar e acompañar a 100 persoas en situación de desemprego a efectos de poñelos en contacto cos ofertantes de traballo e conseguir inserilos no mercado laboral. Trátase dun programa integrado dunha duración de 12 meses para o cal se solicita á Xunta de Galicia unha subvención de 240.000 euros.

Formación e experiencia laboral para mozos e mozas

O Obradoiro de Emprego “Labor@Xoven” diríxese a 16 mozos e mozas desempregados, maiores de 18 anos que recibirán formación teórica e realizarán práctica laboral nun oficio mediante a realización de traballos no Concello. Tamén se contratará ao equipo docente e persoal de aopio. As especialidades demandadas son Dinamización de actividades de tempo libre educativo infantil e xuvenil e a Operacións auxiliares na organización de actividades e funcionamento de instalacións deportivas. A subvención solicitada ascende a 128.337 euros aos que se suman os 34.000 euros que terá que achegar o Concello.

O segundo Obradoiro solicitado é Fomento do Emprego e Mellora da Empregabilidade (FORME 16) que, mediante a fórmula de formación máis contrato de prácticas, pretende beneficiar a 45 parados de colectivos con maiores dificultades para a inserción. Ten unha duración de 6 meses e tamén prevé a contratación do equipo docente necesario. Os módulos solicitados son os de Atención socio sanitaria de persoas dependentes, Carpintería e moble e Instalación e mantemento de xardíns e zoas verdes. A subvención solicitada á Consellería de Emprego e Industria é de 403.055 euros e a achega municipal ascende a 9.000.

15 socorristas para as praias

O Concello tamén solicitou á administración autonómica a contratación de 15 traballadores socorristas para as praias a través do Plan de Cooperación 2016. A duración dos contratos será de 3 meses e o importe da subvención requirida ascende a 53.338 euros aos que o Concello sumará 1.200 euros máis.

Parados en risco de exclusión

Tamén coa colaboración da Xunta, o Concello pretende que 20 beneficiarios da Renda de Integración Social (Risga) poidan acceder a un contrato laboral por un período de 7 meses. Esta iniciativa está orientada ás persoas en risco de exclusión social e para a súa execución o Concello achegará 3.000 euros das arcas municipais para completar a subvención solicitada de 124.455 euros. Os postos demandados para estas persoas correspóndense cos da categoría de operarios.

A concellería que dirixe Juan Antonio Pérez Callón non quere perder nin unha sola oportunidade de reducir as cifras do paro na cidade, polo que, aparte de solicitar a adhesión do Concello de Vilagarcía aos distintos programas que convoca a Xunta de Galicia, tamén se suma ás iniciativas promovidas pola Deputación. Ata o de agora, as propostas presentadas ao organismo provincial son dúas.

Bolseiros titulados

O Plan de Prácticas Provincial permitirá ao Concello dispor de 4 traballadores titulados universitarios ou en FP para reforzar diferentes servizos municipais por un período de 6 meses prorrogables outros 6. A través desta iniciativa preténdese facilitar experiencia laboral a licenciados e titulados que aínda non tiveron a oportunidade de acceder ao mercado laboral, mellorando así as súas condicións de empregabilidade de cara a futuros contratos. Os custes destas contratacións asúmeos integramente o organismo provincial.

Colectivos especialmente desfavorecidos

Plan de Emprego da Deputación é a segunda das medidas ás que o Concello de Vilagarcía opta, neste caso para permitir que 34 persoas en situación de desemprego poidan acceder a un contrato laboral por un período de 10 meses. O plan terá como destinatarios preferentes a parados de larga duración sen prestacións, perceptores da Risga ou Prepara e vítimas de violencia de xénero, entre outros colectivos especialmente desfavorecidos. Este programa finánciase cunha achega da Deputación de 325.000 euros aos que o Concello suma 85.000 euros máis.

Plan Municipal de Estímulo ao Emprego

Independentemente destes seis programas que o Concello xa ten tramitados ante os organismos competentes, a nivel local, o Concello está traballando xa na creación dun Plan de Estímulo ao Emprego, unha medida que xa vai recollida nos Orzamentos Municipais de 2016 coa correspondente partida económica. Trátase dunha medida complementaria destinada a ofrecer axudas e bonificacións ás empresas e negocios que creen novos postos de traballo.

2 de febreiro de 2016 | 18:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.