O Concello de Bueu non instalará o composteiro previsto para Petís
O goberno local de Bueu vai desistir da súa proposta de colocar un dos catro composteiros solicitados á Deputación na zona de Petís. A decisión obedece ás reticencias dun grupo de propietarios de dous edificios colindantes, ante o cal o executivo prefire non apostar por esta localización para a primeira fase do plan de compostaxe provincial no que participa. Nunha xuntanza celebrada este martes ante algúns destes veciños e veciñas, na que ademais do alcalde Félix Juncal, estivo o concelleiro de Servizos Fidel Castro e o concelleiro e deputado provincial Xosé Leal, comunicouse a decisión xa que dende o goberno entenden que a base principal desta iniciativa está na participación da veciñanza para que visualice os aspectos positivos da mesma.
Neste aspecto Juncal indicou que, pese a non compartir as dúbidas formuladas polos opositores, si entende que a instalación dos elementos debe contar coa participación activa e o respaldo das vivendas máis próximas. Ao tratarse dun proxecto piloto, o alcalde animou aos veciños a achegarse ás outras tres zonas previstas para os composteiros (dúas nas Lagoas e outra no entorno do pavillón Pablo Herbello) unha vez que estean acondicionadas para comprobar o bo funcionamento dos mesmos e a ausencia das supostas molestias que veñen esgrimindo nas últimas datas. Fidel Castro citoulles tamén os numerosos exemplos que puido ver na viaxe organizada pola Deputación de Pontevedra a Navarra e Euskadi, con grandes resultados de integración e con ausencia de incidencias negativas, e Xosé Leal animounos a achegarse ata o Centro Príncipe Felipe de Pontevedra onde estes días xa estará funcionando o composteiro alí instalado.
Dende o goberno sinalan que non se vai buscar unha nova ubicación para este composteiro nesta primeira fase xa que tería que estar próximo á zona descartada, onde se conseguiran os apoios precisos mediante sinaturas. No futuro, e tendo en conta a evolución positiva que esperan destes tres primeiros, o Concello apostará por estender estas instalacións a outras zonas da vila.











