publicidade hoxe

Lalín comeza os preparativos para o Cocido do Orgullo que se celebrará en marzo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLalín
A-
A+
Presentación do Cocido do Orgullo

Presentación do Cocido do Orgullo

Orgullo* con asterisco, como concepto «paraugas» que pode incluír diferentes expresións e identidades de xénero. O que o asterisco engade é sinalar a heteroxeneidade á hora concibir o corpo, a identidade e as vivencias que van máis aló das normas sociais binarias impostas. Tamén o asterisco quere especificar que se poden ter loitas comúns, á vez que recoñecer que hai moitas outras cuestións nas que non hai un consenso ou unha única visión do que supón ser LGBTIQ+.

Na sociedade occidental actual empeza a recoñecerse a liberdade dos individuos para sentirse atraídos por quen queiran, independentemente  do seu sexo, identidade de xénero, orientación sexual, etnia, clase etc. Pero isto non significa que todas as orientacións sexuais estean a saír á luz por igual, nin que os seus procesos de visibilización social e inclusión nas políticas públicas se deran ao mesmo tempo. Aproveitando tamén que o 2016 é o Ano da visibilidade Bisexual na diversidade trataremos esta festividade co obxectivo de dar a coñecer á sociedade que somos realmente e como podemos combater os mitos que tanto dano fan a moitos individuos e á sociedade no seu conxunto.

A noción milenaria do binarismo de xénero, que é claramente ideolóxica e non corresponde á realidade obxectiva, debe substituírse por un non-binarismo realista de identidades difusas. Unha identidade difusa non se define por un si ou non, senón por un máis ou menos, desenvolvido segundo unha lóxica informal ou difusa. 

A discriminación exercida contra o colectivo LGBTIQ está aínda moi estendida na nosa sociedade, mostrándose con moitas e diversas caras. Non deixan de ser actos de violencia, moitas das actitudes que sofren as persoas LGBTIQ, polo que o goberno de Lalín entende que non só cabe esixir a condena por parte da totalidade da sociedade, senón que impera unha resposta enérxica primeiro desde as administracións públicas.

Principalmente nos planos educativos formais, non formais e informais, hai que deconstruir moitos dos prexuízos tan arraigados na sociedade e que as institucións reproducen de forma case automática.

O Cocido do Orgullo, que se celebra o 3, 4 e 5 de marzo, non só é unha festa gastronómica e social, senón que contempla o compromiso por parte do Concello de Lalín do desenvolvemento e aplicación de todas as medidas previstas na lexislación vixente (LEI 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia) contra toda discriminación por orientación sexual, identidade de xénero e diversidade familiar, así como á observación da diversidade das persoas que compoñen estes colectivos nos programas e medidas que se poñan en marcha desde o Consistorio.

Cando falamos de educar sobre diversidade afectivo-sexual pretendemos sensibilizar á comunidade educativa e ás familias lalinenses sobre a necesidade de manter e reforzar valores de respecto cara ás diversas formas de sexualidade. Neste contexto ofrécense claves e ferramentas para a intervención escolar, familiar e socioeducativa fronte ao estigma do rexeite e o acoso relacionado coa diversidade sexual: Que poden facer as e os educadores ante unha situación de violencia? Como podemos detectala? Como se poden previr os suicidios das e dos mozos LGBT (lesbianas, gais, bisexuais e transexuais) e principalmente como podemos lograr espazos educativos máis respectuosos e libres de agresións verbais e/ou físicas, favorables á aprendizaxe e á creación dunha comunidade mais democratizadora? 

Ben sabemos que son moitos os casos nos que a violencia entre escolares e ou mozas e mozos discrimina a persoas que non responden aos estereotipos de xénero tradicionais, independentemente mesmo da súa identidade e orientación sexual real. Vemos a punta do iceberg, como ocorre coa violencia de xénero, cando vemos nos medios de comunicación que un ou unha adolescente se suicida ou mesmo é asasinada polos seus iguais, pero sabemos cal é a base e o terreo de cultivo destes malos tratos. 

A educación é un alicerce fundamental para que as sociedades avancen e evolucionen, e a diversidade afectiva xa é un feito aceptado, polo menos a nivel formal, pola comunidade galega e internacional. Agora faise necesario pasar da teoría á práctica. Desde os primeiros anos até a formación de adolescentes e novas, a educación escolar atópase na primeira liña deste cambio. Non queremos perpetuar unha cultura de discriminación, centrada na uniformidade, na heteronormatividade, na transmisión de prexuízos sexistas, homófobos ou racistas, senón construír unha sociedade máis respectuosa, rica pola súa diversidade, que permite a cada membro o máximo desenvolvemento das súas posibilidades.

Desta maneira pensamos un seminario ao redor da cuestión da diversidade afectivo-sexual no ámbito educativo tendo en conta as estratexias e ferramentas que os distintos axentes institucionais e sociais deben implementar para a promoción do pleno desenvolvemento afectivo-sexual principalmente de menores, adolescentes e persoas novas. 

A idea é facer un proxecto que toma como estratexia básica o establecemento de alianzas sociais para avanzar nos dereitos cidadáns: alianzas entre o mundo asociativo, o mundo institucional, o educativo e cultural, alianzas entre asociacións que representan intereses maioritarios (asociacións de familias ou de pais e nais de alumnos/as) e asociacións que defenden dereitos das minorías (asociacións de familias de nena e nenos transexuais e asociacións en defensa dos dereitos LGBTIQ). 

En concreto, este proxecto pretende incidir na análise e a mellora da situación dos dereitos da infancia a adolescencia e en xeral de toda a cidadanía cara o recoñecemento da diversidade afectivo-sexual dando maior pulo ao ámbito educativo en sentido amplo e ao lecer, e tamén tecer as alianzas necesarias para asegurar unha educación aberta á diversidade afectivo-sexual desde todos os ámbitos, que sexa capaz de previr e combater calquera forma de discriminación ou acoso por razón da orientación sexual ou identidade de xénero. 

Ademais este proxecto quere servir tamén de foro para a discusión e sensibilización sobre a necesidade de crear unha axenda política que aborde este tema e buscar o eventual compromiso das axencias implicadas para que, cada unha no seu ámbito de actuación, emprenda as iniciativas necesarias para comezar a traballar polo respecto e a plena integración da diversidade afectivo-sexual na sociedade lalinense, a través prioritariamente dunha escola que sirva de marco seguro e estable a unha convivencia rica e plenamente integradora da diversidade. 

O contexto do Cocido do Orgullo é un espazo cultural festivo, de lecer e participación comunitaria e integradora que acompaña esta acción educativa con outras moitas actividades culturais no seu sentido mais amplo, a través das artes e a gastronomía, e loxicamente  a través do que é mais noso, o cocido.

Os actos de manifestación do Orgullo LGBTIQ, implican que milleiros de persoas facemos visibles as nosas inquedanzas e saímos ás rúas coas súas bandeiras arcoiris facendo valer os seus dereitos constitucionais e democráticos, expresando a riqueza dunha sociedade baseada na diversidade. Por iso e sen dúbidas, esta bandeira é un dos símbolos mais bonitos de expresión de liberdade.

Recordando un pouco de historia, a bandeira do arco da vella ten como creador a Gilbert Baker, un artista que pensou como concepto oito liñas de cores (que logo pasaron a ser 6), inspiradas noutros símbolos de organizacións sociais da cidade de San Francisco. Cada cor ten un significado diferente: o vermello é a vida, o laranxa é a curación, o amarelo é o sol, o verde é a natureza, o azul é a harmonía, e o violeta é o espírito.

En 1978, foron asasinados o alcalde de San Francisco, George Moscone, e o supervisor Harvey Milk, tamén activista polos dereitos homosexuais. Logo desta data, a bandeira do arco da vella comezouse a usar en todos os desfiles de Orgullo LGBTIQ, tendo como obxectivo unir á comunidade baixo un mesmo símbolo, que foi un pedido especial de H. Milk.

Ademais dos significados individuais para cada cor que xa nomeamos, Baker dixo tamén que o arco da vella é parte da natureza, e representa algo que só se pode ver desde o lugar correcto e observando. Doutra banda, as diferentes cores representan a diversidade, as diferentes orientacións sexuais, etnias e idades.

A bandeira é agora usada mundialmente para representar á comunidade LGBTIQ, e reivindicar que se cumpran todos os dereitos democráticos. Aínda que se cambiou moito desde os anos 70, o traballo cara a normalización aínda non está acabado. Moitas persoas seguen a esconder a súa realidade persoal e social, moitos dereitos seguen sen chegar a toda a cidadanía e por exemplo en moitos países aínda se está en pleno debate sobre o casamento entre persoas do mesmo sexo e sobre a adopción e os dereitos igualitarios, polo que o seu uso segue máis vixente que nunca.

Por outra banda a bandeira do orgullo transxénero e transexual, deseñada por Mónica Helms e presentada por primeira vez en sociedade nunha marcha do orgullo gai en Phoenix, Arizona no ano 2000, representa á comunidade “trans” e está formada por cinco bandas horizontais: dúas de cor celeste, dúas rosas e unha branca no centro. A súa autora describiu o significado indicando que “…a banda celeste representa a cor tradicional para vestir aos bebés homes e o rosa para as nenas. A branca no centro é para quen se atopan nesa transición, aquelas/es que desexan manterse neutrais entre un xénero e outro e aqueles/as que manteñen ambos os dous sexos. A maneira en que está deseñada permite que sen importar o lado que se use ao flamear, sempre será correcta. Isto simbolízanos a nós mesmas, tratando de atopar o lado correcto nas nosas propias vidas…”

E a bandeira do orgullo bisexual foi deseñada por Michael Page para representar á comunidade bisexual. Apareceu por primeira vez en1998 para aumentar a visibilidade da comunidade bisexual dentro das comunidades homosexual e heterosexual. A franxa maxenta representa a orientación homosexual, a franxa azul representa a orientación heterosexual e a franxa lavanda representa a combinación de ambas orientacións.

Como reza o artigo 28 da LEI 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia os gobernos locais debemos promover e apoiar a realización de actividades culturais para a concienciación e a normalización do feito LGBTI, e nomeadamente nos municipios rurais.

10 de febreiro de 2016 | 18:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.