Conde destaca a contribución do CSIC para colocar Galicia á vangarda da innovación española

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe a contribución dos profesionais do CSIC para colocar a Galicia “á vangarda da innovación española”. Conde participou na homenaxe da institución aos traballadores da delegación galega da institución que cumpren 25 anos de servizo, un acto no que tamén participou o director do centro, Emilio Lora-Tamayo.

Conde destacou o traballo dos 17 galardoados en favor da innovación e modernización dos sectores primarios galegos como o agro, a pesca e o forestal, así como da industria agroalimentaria; así como no impulso ao mellor coñecemento da historia e patrimonio cultural. O conselleiro puxo en valor o traballo en equipo dos homenaxeados, que inclúen persoal técnico e de apoio á I+D+i, así especialistas en xestión e administración, e científicos. Subliñou ademais que 11 dos 17 premiados son mulleres, “símbolo dun rol feminino na ciencia galega que pode, e debe, crecer no futuro”. Neste senso, o conselleiro sinalou a necesidade de “actuar dunha maneira máis contundente e eficaz para impulsar o papel das mulleres na actividade de I+D+i de Galicia”, avanzou que o Goberno galego traducirá ese obxectivo en medidas concretas no II Programa Galego de Muller e Ciencia, no que está a traballar.

Conde gabou o papel “estratéxico” do CSIC no apoio á ciencia galega e defendeu que será fundamental de cara a cumprir os obxectivos da folla de ruta da innovación na nosa comunidade ata 2020, a Estratexia de Especialización Intelixente. Neste senso, subliñou o compromiso da Xunta cos centros do organismo en Galicia, destinando durante os últimos 8 anos preto de 12 millóns de euros á mellora da súa competitividade e excelencia científica.

Ese compromiso tivo unha atención especial aos recursos humanos, canalizada desde fai catro anos a través dos contratos-programa, que supoñen financiamento estable para os organismos de investigación galegos. Conde adiantou que os contratos-programa terán continuidade este ano, respondendo ao “importante labor que os seus organismos de investigación veñen realizando, e á súa transcendental contribución ao desenvolvemento socioeconómico de Galicia”.

Apuntou ademais que os científicos do centro poderán seguir optando ao programa Oportunius, e resaltou que, a nivel individual, os investigadores dos centros galegos do CSIC terán acceso a novas convocatorias de apoio para as etapas predoctoral e postdoctoral; e a nivel de equipos, poderán optar a novas convocatorias destinadas a grupos de referencia competitiva ou de potencial crecemento e agrupacións estratéxicas.

O conselleiro invitou tamén ao CSIC a impulsar a creación de Unidades Mixtas de Investigación con empresas, así como a tomar parte na iniciativa de innovación aberta Conecta Peme. Ademais, resaltou as posibilidades que se abren para o centro co novo programa de Proba de Concepto, posto en marcha pola Xunta da man da Fundación Barrié, así como coa Estratexia de Apoio á Biotecnoloxía, que “suporá sen dúbida novas oportunidades, en especial para o Instituto de Investigacións Mariñas e a Misión Biolóxica de Galicia”.

2 de febreiro de 2016 | 19:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.