Comeza o prazo para a presentación de ofertas para a subministración de extintores e de balizamento de praias de Bueu
A partir de mañá xoves, e durante 15 días naturais, estará aberto o prazo para presentar ofertas para a licitación do servizo de subministración de extintores e de balizamento para as praias do Concello de Bueu. Ambos anuncios foron publicados hoxe no BOPPO da provincia.
No caso da contratación para o servizo de contra incendios en vehículos municipais e edificios dependentes do Concello de Bueu, os pregos de condicións estipulan que o único criterio de adxudicación será o prezo, non podendo exceder a oferta económica de 4.840 euros (IVE incluído) por un ano, de 9.680 euros por dous e de 19.360 euros por catro. Os traballos a realizar son os de mantemento preventivo, con revisións periódicas, e mantemento correctivo, que inclúe a reposición de elementos avariados ou rotos, e das recargas de gas extintor.
Pola súa banda, o servizo de balizamento das praias de Lapamán, Portomaior, Banda do Río, Area de Bon e Loureiro ten que estar activo entre o 1 de xuño e o 30 de setembro, para verificar o estado xeral do balizamento, o número de boias e a súa aliñación, ademais de posibles perdas.
O custe deste servizo está estimado cun valor máximo de 15.730 euros (IVE incluído) por un ano, de 34.460 euros por dous anos, e de 62.920 euros por catro anos, e o único criterio para a adxudicación será, ao igual que no anterior, a oferta económica máis vantaxosa.











