Comeza a substitución de luminarias led na avenida de Marín
Esta semana os servizos de electricidade do Concello de Bueu veñen de comezar as obras de renovación e substitución de luminarias LED na Avenida de Marín de Bueu. O executivo local quere seguir apostando polo aforro enerxético e impulsa a segunda fase co cambio de 55 luminarias: dezaseis na Avenida de Marín e trinta e nove na rúa Pazos Fontenla. Ademais, tamén se están limpando e pintando os báculos de branco, para lograr unha mellora, tanto estética como na calidade dos servizos de iluminación.
Esta fase, que supón un investimento de aproximadamente 16.000 euros, completa as renovacións xa realizadas na recta de Agrelo e Portomaior, mediante as cales se traballa na consecución dun duplo obxectivo: mellora no servizo de iluminación dos viais e espazos públicos, e aforro económico e eficiencia enerxética. Todo iso redundará, tal e como salientan desde o goberno local, nunha redución do gasto, xa que “a renovación das 66 luminarias de Agrelo supuxo un aforro económico de aproximadamente 8000 euros”.
Ao longo deste ano e dos seguintes, o compromiso do goberno é seguir implantando novas fases para a renovación completa e integral do sistema de iluminación público.











