A Xunta inviste medio millón de euros na mellora da seguridade viaria na estrada Ordes-A Silva

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrdes
A-
A+

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, visitou esta mañá en Ordes un tramo da estrada que comunica o municipio con A Silva, en Cerceda. Fíxoo acompañado polo alcalde, José Luis Martínez Sanjurjo, e coincidindo coa publicación no DOG do anuncio de licitación das obras de reparación do firme ao longo de 8.750 quilómetros das estradas AC-523, AC-400 e AC-413.

As obras previstas contan cun orzamento de saída de 549.321,27 euros, comezarán no verán e contan cun prazo de execución de seis meses. Forman parte dun paquete de melloras cuxo proceso de contratación abre agora a Consellería de Infraestrutras e Vivenda co obxectivo de mellorar a seguridade viaria en varias estradas da provincia da Coruña mediante a achega económica de máis dun millón de euros.

A actuación proxectada nas estradas de Ordes e Cerceda, segundo explicou Diego Calvo ao alcalde e aos concelleiros, busca a reparación do firme nalgúns tramos destas estradas a través do fresado e reposición da capa de rodadura, aplicación de microaglomerado en frío e reciclado das mesturas buituminosas existentes.

Ademais, o proxecto inclúe tamén a reposición de marcas viarias, a colocación de novas sinais verticais ou o acondicionamiento de cunetas.

17 de febreiro de 2016 | 16:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.