publicidade hoxe

A defensa de Rosario Porto di que foi condenada con especulacións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de CompostelaTeo
A-
A+
Europa Press

A defensa de Rosario Porto, o letrado José Luís Gutiérrez Aranguren, manifestou este martes, na vista de apelación na que pide a absolución da súa clienta, que a súa condena se baseou “en especulacións” como resultado dunha investigación na que, ao seu xuízo, se “tergiversaron probas para buscar condenas”.

Fronte a este argumento, na súa alegación ante a Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a Fiscalía rexeitou “a teoría da conspiración” da defensa de Porto e incidiu nas “contradicións” desta nas súas declaracións.

Mentres, o letrado da Asociación Clara Campoamor, Ricardo Pérez Lama, que exerce a acusación popular, apelou á existencia de “probas de cargo” contra Rosario Porto e contra Alfonso Basterra en relación á morte de Asunta, cuxo cadáver apareceu nunha pista forestal de Teo (A Coruña) na madrugada do 22 de setembro de 2013.

Tras a condena a 18 anos de prisión por asasinato, con agravante de parentesco, que a sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña ditou para eles en base ao veredicto unánime de culpabilidade do xurado, agora será o TSXG o que determine se mantén a sentenza ou a revoga, en base á petición de absolución das defensas.

A vista de apelación, fixada para as 10,00 horas, comezou cun cuarto de hora de atraso e prolongouse até pasadas as 14,30 horas, coa exposición do recurso do letrado de Rosario Porto, ao que seguiu a réplica da Fiscalía e a do letrado da Asociación Clara Campoamor.

SEN PROBAS, PARA A DEFENSA

As súas intervencións foron seguidas desde o banco dos acusados polos pais de Asunta. Os dous mostráronse nalgúns momentos cabizbaixos, noutros escoitando o relato das partes e, en ocasións, mirando ao tribunal.

Na súa alegación, de case dúas horas e media, José Luís Gutiérrez Aranguren rexeitou a existencia de “proba de cargo” contra a súa clienta e defendeu que a condenou en base “a unha idea preconcibida”.

“Primeiro determinouse a culpabilidade e logo buscáronse os elementos que puidesen sustentala”, expuxo, indicando que se vulnerou a presunción de inocencia. Tamén foi rebatendo cada un dos feitos probados polo xurado, do mesmo xeito que fixo con algúns testemuños achegados no xuízo.

CRITICAS Á INVESTIGACIÓN

Entre outras cuestións, sinalou que na investigación e na autopsia “especulouse” coa hora da morte da menor “para canalizala a un horario determinado”. Tamén tachou de “especulación gratuíta” dun axente da Garda Civil o suposto tento da nai de facer desaparecer unhas cordas como coas que se atou a Asunta.

Fronte ás teses de acusación popular e de Fiscalía de que foi Porto quen levou o cadáver da súa filla a Teo, mencionou o testemuño do matrimonio que residía nas proximidades. “Pasou tres veces e o corpo non estaba”, dixo.

A maiores, mencionou o feito de que non houbese perfil xenético” da menor nas cordas ou que esta camiñase “normal” cando unha amiga a viu nas horas nas que, segundo se considerou probado, os seus pais xa lle forneceran altas doses de lorazepam.

De non terse en conta a súa petición de que Rosario Porto sexa considerada inocente, Aranguren reclamou que se declare a nulidade do xuízo, ao considerar que se vulnerou o principio de presunción de inocencia.

VEREDICTO FUNDAMENTADO, SEGUNDO FISCALIA

“Nunca vin un veredicto tan fundamentado”, replicoulle, pola súa banda, o fiscal José Ramón Piñol, quen precisou que “a valoración da proba” non é unha cuestión que poida discutir o TSXG no seu fallo. Tamén descartou a “teoría da conspiración” que, na súa opinión, expón a defensa de Porto.

Aínda que o fiscal admitiu que non hai “un indicio directo único” contra ela, recalcou que hai que apuntar a “pequenos indicios”, entre os que citou a “estrañeza” que produce que os pais de Asunta fosen captados “por unhas cámaras e non por outras”.

Tamén apuntou aos testemuños de profesores sobre o estado no que acudiu, nalgunha ocasión, a menor a clase, en alusión a episodios de sedación anteriores que a sentenza considera probados.

CRIME DE “COMÚN ACORDO”

A estes mesmos argumentos apelou o letrado da Asociación Clara Campoamor, quen incidiu en que á nena chegóuselle a dar “27 pastillas” de lorazepam o día da súa morte. No entanto, Pérez Lama rexeitou, en base a un informe pericial, que iso lle impedise camiñar con normalidade horas despois.

Na súa intervención, sinalou que as profesoras da menor relataron “pormenorizadamente todos os episodios de intoxicación da nena”. Así, considerou probado que os pais de “común acordo” fornecéronlle lorazepam, en liña co defendido polo xurado no seu veredicto de culpabilidade.

“Estas señoras -dixo tamén, sobre as profesoras- o que din é que a nena estaba drogada, somnolenta, descoordinada”, recalcou o letrado, quen apelou ao contido das probas periciais.

Ricardo Pérez Lama indicou que, se non había perfil xenético nas cordas, era porque Asunta levaba o día da súa morte “un chándal” e, fronte aos argumentos do letrado de Porto, que cuestionou que se permitise a incineración da menor se se sospeitaba dos pais, non viu “nada raro” nesa decisión.

Tamén defendeu o labor dos investigadores, en particular no caso do home cuxo seme apareceu nunha peza da menor e, finalmente, quedou desimputado.

23 de febreiro de 2016 | 16:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.