A corporación de Bueu aproba unha moción sobre a retirada do anteproxecto de Lei de Acuicultura de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueu
A-
A+

O pleno da corporación de Bueu, celebrado este luns ás 20 horas, presentou unha moción conxunta dos catro grupos municipais (BNG, PSOE, SON e PP) para instar á Xunta de Galicia á retirada do Anteproxecto de Lei de Acuicultura de Galicia. A proposta, tratada pola vía da urxencia, foi adoptada despois de que se recibisen no rexistro do Concello dous escritos da Cooperativa Mexiloneira de Bueu SOCOMEBU e da Asociación Ecolóxica Anduxía. 

A moción explica a importancia que ten o sector do mar de Galicia na economía local e o significado e alcance tras unha futura aprobación desta lei, “que favorecería ás grandes multinacionais en detrimento dos pequenos”.  Por iso, o pleno acordou instar á Consellería do Mar á retirada do Anteproxecto, ademais de que se teña en conta ao sector do mar nas futuras decisións referidas á regularización e xestión dos recursos marítimos por parte dos órganos autorizados.

O pleno tamén aprobou, cos votos a favor do BNG, en contra de PP e PSOE e a abstención de SON, o inicio do expediente de irmandamento entre Bueu e o concello asturiano de Ribadesella. O concelleiro de Relacións Institucionais, Fidel Castro, foi o encargado de dar lectura á proposta que se manifesta “na característica de que os dous municipios son costeiros e teñen o turismo e a pesca como motores principais do seu desenvolvemento”, apunta a proposta, que conta coa predisposición do goberno riosellano, quen xa aprobou na sesión plenaria do 25 de novembro do 2015 iniciar o proceso de irmandamento, e que se completou cunha visita da alcaldesa Rosario Fernández a Bueu a comezos de decembro.

O alcalde Félix Juncal resaltou que é esta “unha experiencia pioneira para Bueu, e con ela colleremos experiencia e compartiremos mesas de traballo para buscar sinerxias”. E é que principalmente, o irmandamento vai permitir que Bueu tome exemplo de Ribadesella no ámbito do turismo sostible e que este ensine ao seu homónimo a importancia do sector pesqueiro, con máis traxectoria na vila buenense.

O outro punto de interese foi a aprobación por unanimidade da moción presentada polo grupo municipal SON relativa á humanización do río Bispo e que consiste na formalización por escrito da cesión do uso dos terreos privados polos que pasa a senda fluvial, cuxa primeira fase de limpeza e acondicionamento acometeu o Concello no pasado ano. Basicamente, este trámite consiste en que o Concello vai pedir aos propietarios que asinen un papel en como se ceden os dereitos de uso, xa que en palabras de Julio Villanueva, voceiro de SON, “investíronse cartos públicos neses terreos”. 

2 de febreiro de 2016 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.