publicidade hoxe

Sogama aproba a licitación para a posta en marcha dunha planta de compostaxe

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCercedaLocal Portada
A-
A+
Consello de administración de Sogama. Foto: X. Crespo

Consello de administración de Sogama. Foto: X. Crespo

O Consello de Administración de Sogama, e reunido esta mañá en sesión ordinaria, adoptou, entre outros acordos, a aprobación do prego de condicións que rexerá a construción e posta en marcha dunha planta de compostaxe para o tratamento da fracción orgánica contida nos residuos urbanos e que lla situará no vertedoiro de Areosa (Cerceda).

Esta actuación forma parte do proceso de ampliación das instalacións que conforman a infraestrutura industrial da empresa pública e que lle permitirá xestionar e tratar de forma óptima todo o lixo recibido, incrementando o seu reciclado e destinando a vertido, única e exclusivamente, aquela fracción de refugallos que non se poida reciclar nin valorizar material ou enerxeticamente. De feito, a previsión é reducir nun 30 por cento os residuos depositados en Areosa .

Cun importe máximo estimado en 3.940.000 euros (+ IVE) e unha capacidade anual de tratamento para 15.000 toneladas, o prazo de execución previsto para as obras correspondentes a esta planta será de aproximadamente 8 meses e medio (34 semanas), período tralo cal prevese realizar as probas de capacidade e rendemento, que terán unha duración aproximada duns 2 meses (en torno a 9 semanas).

En todo caso, estímase que a instalación estea executada e en funcionamento cara a finais do 2017.

Ampliación e mellora das depuradoras

Así mesmo, o Consello deu o seu visto bo á adxudicación do contrato correspondente aos traballos de ampliación e mellora das depuradoras coas que conta o complexo medioambiental de Cerceda, incluíndo a operación e mantemento das mesmas, así como o mantemento integral da rede de vixilancia da calidade do aire da planta termoeléctrica.

No primeiro caso, o servizo inclúe a operación e mantemento, tanto preventivo como correctivo, das dúas plantas depuradoras (unha físico-química e outra biolóxica) coas que conta o complexo cercedense e cuxa función é procesar todos os efluentes derivados do normal funcionamento das distintas plantas integradas nesta infraestrutura, incluíndo igualmente os traballos de ampliación e mellora de ambos os dous dispositivos.

Como non podía ser doutra forma, o adxudicatario terá en conta todos os aspectos necesarios para cumprir cos requisitos contemplados na Autorización Ambiental Integrada (AAI) e as súas posteriores modificacións, así como toda a normativa legal aplicable.

O comezo das obras está previsto para o segundo trimestre do ano en curso.

Cun orzamento máximo de 2.655.480 euros (+ IVE) euros e un prazo de execución de 3 anos, cunha prórroga excepcional, un total de 14 firmas, a metade en UTE, concorreron a esta licitación. O servizo resultou finalmente adxudicado por un importe de 1.971.550,72 euros (+ IVE).

Rede de vixilancia de calidade do aire

Respecto ao concurso correspondente ao mantemento, integral e continuo, da rede de vixilancia da calidade do aire na planta termoeléctrica, onde se leva a cabo a valorización enerxética da parte non reciclable dos residuos, converténdoa en electricidade, a adxudicación do servizo, valorado en 300.000 euros (+ IVE) foi finalmente adxudicado por un importe de 224.000 euros (+ IVE).

O contrato, que se realizará por un período de tres anos, poderá ser prorrogado de forma expresa ata un máximo de catro, consistindo os traballos a desenvolver na recepción e arquivo, en tempo real, dos datos recompilados a través da rede de vixilancia, que se atopa conformada por catro estacións de inmisión, unha meteorolóxica e un centro de control conectado a dous equipos instalados no laboratorio químico do complexo e no hall de oficinas de Sogama, permitindo así que a información poida ser consultada en calquera momento polos cidadáns.

Os datos obtidos viñeron corroborando de forma permanente as baixas emisións procedentes da actividade industrial de Sogama, situándose todos os parámetros moi por baixo dos límites legais, habida conta de que nas instalacións de valorización enerxética son moito máis restritivos que os que rexen para calquera outra infraestrutura industrial. De feito, este tipo de plantas son as máis vixiadas nos seus aspectos medioambientais, pesando sobre as mesmas unha rigorosa e exhaustiva normativa.

27 de xaneiro de 2016 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.