O Concello de Bueu participa no ‘Paln Molinum’
O Concello de Bueu participa como socio no proxecto “Molinum” liderado pola Universidade de Vigo e que se presentará á convocatoria POCTEP, Interreg V-A España Portugal, que ten como obxectivo a conservación, restauración e aproveitamento do patrimonio natural e arquitectónico relacionado coa cultura da auga da rexión transfronteiriza, mediante a súa valorización enerxética, turística e ambiental.
Así, Bueu levará a proposta de recuperar un muíño – vivenda para a creación dun pequeno centro de interpretación dos muíños e da actividade agraria do entorno, da importancia da auga e do patrimonio co obxectivo de vinculalo co proxecto de recuperación do cultivo do millo corvo. Neste sentido, o alcalde de Bueu e o concelleiro de urbanismo destacan que é unha actuación que forma parte da “recuperación do cordón umbilical do río Bispo”, un anteproxecto do 2007, e que pretende seguir na liña dos muíños que percorren esa canle desde o rural de Ermelo ata a desembocadura na praia, en torno a sete quilómetros de senda. Aínda que o proxecto e a decisión de que muíño rehabilitar están en fase de estudo, desde o goberno apuntan que será no lugar de Trasouto, por ser un punto estratéxico.
Esta actuación suporía non só a rehabilitación do muíño, senón tamén a dotación de equipamentos e contidos para a interpretación así como a adecuación do entorno. Esta convocatoria financiaría o 75% do orzamento do proxecto e os socios deberán achegar o 25% restante.
No proxecto participan, como socios varios concellos da provincia de Pontevedra, entre eles Bueu, o CIM Cavado, Cámara Municipal de Lousada e Universidade de Minho en Portugal e algunhas empresas privadas e a Escola de Restauración e conservación de bens culturais de Galicia.











