O Concello da Coruña asumirá o 45% do custo das obras das vivendas nos sete bloques de Palavea pendentes de rehabilitación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia-
A-
A+

O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, lembrou este mércores que o Concello asumirá o 45% do importe das obras pendentes de realizar en sete bloques de vivendas de Palavea para a súa rehabilitación, de acordo co convenio asinado o pasado 27 de outubro polo Goberno local e o Ministerio de Fomento para completar o Plan de Rehabilitación de Vivenda que se iniciou neste e outros barrios en 2009 (ARI) e que se completa a través dun novo programa (ARRU). O convenio, indican desde a Concellería de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, mantén a proporción de pago que deben aboar os e as particulares que solicitaron as axudas do plan, que se sitúa nun 20% do total, mentres que as administracións públicas se reparten o outro 80% (45% o Concello e o 35%, Fomento). Deste xeito, os e as veciñas terán que facerse cargo dun gasto de 2.000 euros por vivenda, mentres o Concello aboa 4.500 e Fomento, os 3.500 euros restantes.

O responsable de Rexeneración Urbana salienta tamén que os fondos para este programa xa foron consignados nos Orzamentos do ano 2016 e que, en calquera caso, será a Administración local a que se faga cargo da maior parte do importe. Tamén, o responsable municipal xustifica o feito de que as persoas solicitantes destas axudas teñan que volver cursar as peticións xa que “se trata dun novo programa e require a repetición dos trámites”. Como tamén destaca, a Oficina Municipal de Rehabilitación xa se comunicou con todas as persoas afectadas (ou os seus representantes) para informalos e facilitarlles o procedemento a seguir.

2 de decembro de 2015 | 20:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.