O concello acometerá nos vindeiros días a limpeza no entorno da escola infantil A Pedra
O alcalde de Bueu asegurou que mañá se vai comezar cos traballos de limpeza no entorno da Escola Infantil A Pedra, e nos demais centros escolares, traballos que xa estaban previstos no plan de traballo de comezos de curso e que se irán completando durante as vindeiras semanas. Félix Juncal é consciente de que no último mes os edificios públicos e os camiños de Bueu estiveron “baixo mínimos” debido á escaseza de persoal de limpeza e ao remate de moitos dos contratos laborais, situación que se vai solucionar nestes días, debido a que o pasado luns se incorporaron 15 novos operarios contratatos no marco do II Plan de Conservación, e que supón “o reforzo dos servizos de limpeza viaria e dos edificios públicos” durante estes dous meses.
Así, o goberno de Juncal garante que progresivamente se irá mellorando o funcionamento destes servizos, non esquecendo as obras de limpeza e mantemento en A Pedra. Ademais de cara ao próximo exercizo orzamentario vaise ter en conta a incorporación de novos xogos para os máis pequenos.
Ademais, este luns coa incorporación dos novos traballadores e traballadoras comezouse co proceso de poda das árbores dos espazos públicos, tarefa que aínda non se puidera comezar polos motivos antes sinalados.











