Marcos Nine reconstrúe a vida de Leslie Howard a partir de interpretacións do actor británico
A misteriosa morte de Leslie Howard, desaparecido á altura das costas galegas despois de que o avión no que viaxaba fose derribado polos nazis, aínda que a Alemaña hitleriana afirmou sempre que se tratou dun accidente alleo ás forzas aéreas xermanas, exerceu unha atracción suficiente sobre o cineasta arousano Marcos Nine como para afondar na vida do que fora unha destacada figura da época dourada de Hollywood, pero tamén un home comprometido na loita contra as políticas totalitarias e na defensa do seu país, a Gran Bretaña.
Nine tratou de reconstruír no documental a vida de Leslie a partir de documentación da época, que sacou de contexto para construír unha nova narración. Como curiosidade, o director apunta que “o protagonista está todo o tempo interpretando papeis que non teñen que ver coa súa vida”, senón que esas interpretacións son as que arriman ao actor á súa biografía. Neste senso, tamén resulta atípico que “facendo un documental, o 70 por cento da obra sexa contido de ficción. Sona raro”, dixo Nine.
A maior parte do material procede do arquivo do Congreso dos Estados Unidos e doutros documentos xa liberados de dereitos. A razón principal para esa achega norteamericana é “que o material é gratis, só se paga a xestión e a copia”, di Marcos Nine. “A viaxe de Leslie” estivo xa no Festival de Málaga e tamén na Seminci de Valladolid. Ademais, gañou o premio á mellor película en Estetino (capital da Pomerania Occidental, en Polonia) e acaba de estar en Lesbos (Grecia). A carreira exitosa do documental tradúcese na inminente estrea simultánea en tres salas comerciais galegas.
Buscando a Bill Viola: a introdución de estudantes de Celanova no mundo da arte contemporánea
Plácido Romero, de Arraianos Multimedia, presentou o traballo dirixido por Aser Álvarez, no que lle dá forma en 14 minutos a “unha idea que partiu do departamento de plástica do IES de Celanova”, dixo Romero. Os alumnos conseguiron conectar con Viola, o cal é considerado un importante mérito, tendo en conta que se trata dunha persoa moi esquiva.
A obra está protagonizada polos alumnos e nela narran a relación do home ca auga. Neste proceso contaron co asesoramento de Viola, que está fortemente influído por este elemento e forma parte da súa obra e mesmo confesa que “é vida” para el, a pesares de sufrir un episodio de neno no que estivo a punto de morrer afogado.
Segundo Plácido Romero, trátase “dun traballo didáctico, porque os alumnos entran en contacto cos métodos e as formas da arte contemporánea e se achegan ao espírito e o entorno do artista”.
Francisco Luís Bernárdez, a importante achega da intelectualidade galega de ultramar
Francisco Luís Bernárdez naceu en Bos Aires en 1900, fillo de galegos. Xan Leira coñeceuno cando era novo na capital arxentina, alá polos anos sesenta, “cando competían os pósters dos Beatles con outro dun poema de Bernárdez. Daquela, Leira estaba alonxado do que entendía que significaba o intelectual galego; “sabía que era un poeta meloso e que, tamén, era un home moi relixioso”.
Anos despois, xa en España, facendo traballos sobre o exilio “fun descubrindo ao verdadeiro Francisco Luís Bernárdez”, que retornou en 1920 a Galicia e implicouse na defensa do galego e integrouse nos movementos da intelectualidade que funcionaba en Ourense naqueles momentos, como as Irmandades da Fala ou Nós. Vivía en Maside e traballaba como xornalista para La Zarpa, Faro de Vigo ou Nós; nesa época participaba nas tertulias con Risco e Otero.
A obra “está enfocada a explicar a vida dun home de dúas patrias e dúas posición ideolóxicas ben distintas”, pois en Galicia defendía o galeguismo e o progresismo e dende Bos Aires chegou a aliñarse co levantamento de Franco na guerra civil, debido á defensa da Igrexa que facían os sublevados. “Luís Seoane convenceuno para que se situase no carril axeitado, sinalándolle que defender a Franco non é o mesmo que á Igrexa, xa que os franquistas mataban os seus compañeiros de Galicia”.
En Arxentina, Bernárdez, formou parte do grupo Florida que se movía en torno a Borges e está situado no mesmo plano que todos os grandes da literatura latinoamericana.











