Bueu acolle o I Maratón Fotográfico San Martiño
O Concello de Bueu convoca o I Maratón Fotográfico San Martiño, co obxectivo de involucrar á cidadanía nas actividades desta festividade, da que se celebran actividades durante toda esta semana. Así, durante todo o día do mércores a partir das 11 horas poderanse fotografar actividades relacionadas coa festa, así como tradicións ou costumes propias do San Martiño, e presentalas logo a concurso con data límite o xoves 12 ás 00 horas.
O concurso vai dirixido a fotógrafos afeccionados ou profesionais, que poderán participar na categoría de adultos ou xuvenil. Na categoría adulta os premios abranguen diversas cantidades económicas, impresión e enmarcado da imaxe e un lote de libros; e na categoría xuvenil gañarán unha impresión e enmarcado da imaxe, un lote de libros e un lote de material escolar.
Tal e como se establecen nas bases colgadas na web do Concello, os criterios de avaliación do xurado serán a creatividade, a orixinalidade e a calidade fotográfica. A entrega de premios será o sábado 14 de novembro na sala de exposicións Amalia Domínguez Búa.











